O alcalde de Tui reuniuse hoxe coa Asociación de Afectados para estudar a situación tras 8 meses da explosión
O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, reuniuse este mediodía con Salvador García, Lupe Pérez e Pablo González da Asociación de Afectados de Paramos e Guillarei, na véspera de cumprirse oito meses da explosión no barrio da Torre. No encontro participaron tamén o arquitecto e a traballadora social asignados ao centro de afectados en Guillarei.
Na reunión abordaron en primeiro lugar a tramitación das licencias para a reconstrución das casas afectadas pola explosión na zona cero. Sobre esta cuestión o rexedor tudense expuxo que non debería haber ningún problema para que os veciños que teñen xa a licenza de obra solicitada no momento en que rematen os labores de desentullo – no mes de marzo – poidan iniciar xa os traballo.
Outro dos asuntos abordados foi a tramitación das obras a executar ao abeiro do Plan Deporemse da Deputación. Neste intre arquitectos da Deputación están a perfilar e mellorar o proxecto para recuperar os servizos danados debido á explosión. Indicaba Carlos Vázquez Padín que “temos que tratar de axilizar tamén estes traballos para que unha vez as casas estean finalizadas se poida restablecer unha vida normal”, no senso de que conten con servizo de auga, saneamento, electricidade, telefonía…
Amais o alcalde notificou aos representantes da Asociación de Afectados que volverán levar ao pleno deste mes de xaneiro a reclamación ao goberno central do financiamento dos labores de desentullo que se están a levar a cabo.
Tamén acordaron estudar se hai encaixe legal para os cartos do Fondo Municipal de Emerxencia que non se empregaron en axudas de emerxencia social poder empregalos para outro fin.
Sem comentários:
Enviar um comentário