A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle una mostra de trinta caricaturas de Ramón María del Valle Inclán, realizadas por artistas tan destacados como Picasso ou Castelao e que foron recollidas principalmente dos xornais de principios do século XX. A lista de debuxantes que reflectiron cos seus debuxos a personalidade de Valle complétase con nomes como Bagaría, Siro, Cebreiro, etc.
Esta mostra está organizada polo Departamento de Cultura da Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, e que ten con obxectivo a divulgación da personalidade dun dos escritores pontevedreses mais universal.
As caricaturas teñen sido recompiladas pola técnico de cultura da Deputación de Pontevedra, Marta Lucio, quen afirma que a exposición ofrece “unha imaxe diferente do escritor e dende unha perspectiva amable”. Aínda que no seu momento o escritor arousán non se levou especialmente ben cos artistas coetáneos, nas caricaturas que podemos contemplar na exposición Valle-Inclán sae bastante ben parado. Sobre este particular figura na exposición un artigo xornalístico, que abre a mostra, asinado por J. Moya e publicado en “La Pluma” en 1923.
O Concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, agradece á Deputación Provincial que conte con Tui á hora de programar a itinerancia das súas exposicións, que enriquecen a oferta cultural da cidade, especialmente neste caso ao mostrar una ampla colección de caricaturas sobre un egrexio escritor pontevedrés, Ramón María del Valle-Inclán.
Dende ambas institucións descúlpanse por non ter cumprido o que viña anunciado na programación cultural do Concello de Tui para este mes de setembro no que figuraba unha exposición de gravados de Francisco de Goya. Por problemas técnicos esta mostra foi aprazada ata novembro, ocupando agora a Sala de Exposicións tudense a mostra preparada para aquel mes.
Esta exposición permanecerá en Tui ata o vindeiro 24 de setembro en que continuará a súa itinerancia polos concellos da provincia.
Sem comentários:
Enviar um comentário