En agosto pasaron pola Oficina de Turismo 9.717 persoas Foron 2.300 máis que no mes xullo.
A Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui situada no Paseo da Corredoira recibiu o pasado mes de agosto un total de 9.717 consultas, de las que 8.741 foron de turistas nacionais e 973 de cidadáns estranxeiros. Estes datos superan en 2.300 as consultas recibidas neste servizo durante o pasado mes de xullo. O día en que máis persoas se achegaron ata esta oficina foi o mércores 11 de agosto cun total 477 demandas de información.
No que respecta ao turismo nacional os madrileños seguen a cabeza no número de visitantes que pasan por Tui cun total de 5.430 consultas, seguidos en segundo lugar e moi de lonxe polos andaluces con 1.041 consultas e polos cataláns con 1.016. Houbo turistas das 17 comunidades autónomas.
No que se refire ao turismo estranxeiro houbo consultas de cidadáns de 37 países entre os que están Arxentina, Corea do Sur, Italia, Chile, Xapón, Canadá, Camerún, Finlandia, EEUU ou Sudáfrica. A meirande parte de consultas por cidadáns estranxeiros foron realizadas por portugueses con 312 persoas que se achegaron á Oficina Municipal, seguidos de franceses con 117 consultas, e de alemáns con 102.
Na Oficina Municipal de Turismo tamén demandaron información sobre o Camiño de Santiago un total de 505 peregrinos durante o mes de agosto, dos que 460 eran españois, e 45 estranxeiros. Entre os peregrinos nacionais os que máis consultas realizaron están os madrileños con 191, seguidos de valencianos con 40. Mentres entre os estranxeiros están a cabeza os alemáns con 11 persoas que se achegaron ata este punto de información, seguidos de portugueses con 9 consultas e dos surafricanos con 5.
Por outra parte a Oficina Municipal de Turismo recolleu tamén datos entre as persoas que se achegaron a este servizo durante o mes de agosto sobre as pernoctacións realizadas. A cifra é case o dobre que a rexistrada no mes de xullo, o que pon de relevo unha tendencia a permanecer máis dun día na cidade, ou a facer de Tui o eixo das visitas aos concellos do redor. Os turistas que pasaron pola oficina que pasaron a noite en Tui elixiron principalmente o Parador de Turismo, o Hotel Alfonso I e a Pensión O Novo Cabalo Furado. Amais 63 deles viñeron en autocaravana.
A Oficina Municipal de Turismo abre de luns a venres de xeito ininterrompido de 10 a 20h, e as fin de semana de 10.30 a 14.30 e de 15.30 a 19.30h.
O Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, logo de estudar os datos da Oficina Municipal de Turismo referidos ao mes de agosto, fai un balance moi positivo polo importante número de consultas recibidas o que reflicte o gran número de turistas que pasaron pola cidade. Con este servizo municipal búscase, segundo explica, achegar aos visitantes información puntual e detallada de todos os lugares de interese que Tui posúe e das actividades que se celebran. Congratúlase amais de que ao igual que no mes de xullo se teña rexistrado unha alza no número de persoas que pernoctan en Tui, superándose así pouco a pouco a materia pendente que tiña o municipio. Noutra orde de cousas Moisés Rodríguez lembra que dende hai uns días os turistas que se achegan ata a Oficina Municipal reciben xa o novo folleto turístico de Tui que vén de ser editado en catro idiomas: castelán, galego, inglés e portugués. Con este material moito máis gráfico e moderno que o existente ata o de agora búscase, sinala, brindar aos turista unha información rápida e visual sobre o municipio.
Sem comentários:
Enviar um comentário