terça-feira, 21 de janeiro de 2014

A OFICINA MUNICIPAL DE TURISMO DE TUI REXISTROU MÁIS DE 35.000 CONSULTAS NO PASADO ANO 2013

Os datos fornecidos pola Oficina Municipal de Turismo de Tui en relación ao balance do ano 2013 amosan un total de 35.915 consultas, tanto de visitantes que se achegaron a coñecer a nosa cidade coma de peregrinos que partían ou pasaban por ela.
A Oficina púxose en marcha o pasado mes de marzo, polo que ao longo dos oito meses de funcionamento no 2013 as cifras acadadas son máis que positivas, cunha media de 4.489 consultas mensuais. Agosto  destacou coma o mes no que maior número de consultas se atenderon, 13.042.
No que se refire á procedencia dos visitantes, a meirande parte foron nacionais, máis de 27.500, provenientes fundamentalmente de Madrid, Andalucía e a propia Comunidade Galega. Por outra banda, as consultas internacionais, 8.366, estiveron encabezadas polos turistas portugueses, seguidos doutros países europeos que por orde de importancia foron Italia, Francia e Alemaña. Non obstante a cidade de Tui recibiu xentes chegadas de todas partes do mundo, de máis de 40 nacionalidades distintas,  coma Australia, China, Corea, Estados Unidos, Emiratos Árabes Unidos, México, Xapón, Rusia ou Taiwán.
Para achegarse ao número real de visitantes da nosa cidade habería que multiplicar por catro ou cinco o número de consultas rexistradas, pois non todos os turistas visitan esta oficina, e cando son un grupo ou familia, normalmente é só un dos integrantes o que acude ao posto de información e engrosa as súas estatísticas. 
Os servizos de atención aos visitantes que a Oficina Municipal de Turismo presta, ven acompañado tamén por outras actuacións de promoción e información turística  ao longo do ano desde o propio Concello: visitas guiadas polos monumentos históricos e culturais da localidade, andainas realizadas conxuntamente coa Eurocidade, a presenza da mesma en feiras internacionais de turismo (FITUR en Madrid e BTL de Lisboa), promoción a través dos medios de comunicación , páxina do Camiño de Santiago en Tui na rede social Facebook ou a guía turística da Eurocidade Tui-Valença editada por primeira neste  ano 2013.

Sem comentários:

Enviar um comentário