Remataron con éxito as tarefas de limpeza, acondicionamento e sinalización do Castro do Alto dos Cubos da man de persoal contratado especificamente para as obras por parte da Deputación. Estas tarefas acometéronse dentro do programa para o aproveitamento Turístico dos Recursos Galaico Romanos promovido pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Xunta e os Concellos.
O programa, cun investimento total de 2,5 millóns de euros, busca a potenciación dos xacementos arqueolóxicos da provincia de Pontevedra como método de ampliación da oferta turística, facilitando un turismo constante durante todo o ano, non só nas épocas estivais. Xunto ao turismo de ocio e deportes, o turismo cultural aumenta a súa demanda tal e como se aprecia no emerxente turismo termal ou de relax, polo que o acondicionamento do patrimonio arqueolóxico da provincia axuda a potenciar este tipo de turismo.
O Castro do Alto dos Cubos, datado na Idade de Bronce, ofrece a contemplación de diversas estruturas habitacionais, concretamente no cume, onde existe un sector de 190 m2 con tres vivendas circulares, dúas delas con vestíbulo. A muralla defensiva do castro consérvase tamén no alto deste xacemento.
Grazas as tarefas de limpeza e sinalización, o visitante poderá disfrutar desta herdanza histórica nun entorno idílico con vistas privilexiadas do Val do Miño.
As accións levadas a cabo favorecen tamén a captación de turistas estranxeiros xa que se trata de actividades e rutas polo patrimonio Galaico-Romano da nosa comunidade,achegando aos visitantes o coñecemento da vida dos nosos antepasados en contacto directo coa natureza, sinal e valor inconfundíbel de Galicia.
Para o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, este proxecto é unha feliz iniciativa da Deputación Provincial para a posta en valor dun importante elemento patrimonial do noso concello como é o xacemento castrexo do “Alto dos Cubos ou Cabeza de Francos” que foi escavado en diversas oportunidades e que no seu emprazamento dotado dunha ampla panorámica paisaxística sobre o Val do Miño. Grazas a este proxecto este castro ubicado nas abas do Monte Aloia, na parroquia de Pazos de Reis, disporá daqueles elementos precisos para a súa contextualización e valorización polos visitantes. Esta intervención dotará de máis “valor engadido” ao Parque Natural do Monte Aloia –onde esta ubicado- e ao propio conxunto monumental tudense. Deste xeito, remata o rexedor tudense, se incrementan as potencialidades patrimoniais e turísticas de Tui.
Xunto co Castro do Alto dos Cubos, o programa provincial integra tamén os castros visitables de Castrolandín (Cuntis), Coto de Altamira (As Neves); Alto da Cruz do Castro (Cotobade), Castro de Alobre (Vilagarcía), Adro Vello ( O Grove) Monte Castro (Ribadumia), A Lanzada ( Sanxenxo) Castro da Subida ó Cividá (Marín), Castro das Croas (Pontevedra), Monte Facho (Cangas), Castro da Punta do Muiño do Vento e Castro de Vigo (Vigo), Castro de Troña (Ponteareas), Castro de Torroso (Mos), Castro de Santa Tegra (A Guarda) e Igrexa Vella de (Valga). Posteriormente, afectará a outros da provincia. Dentro desta intervención a Deputación pretende incluír tamén o Proxecto Depodeza para a posta en valor da riqueza castrexa da comarca do Deza.
Sem comentários:
Enviar um comentário