O pasado sábado a Biblioteca Municipal de Tui celebrou o Día dos Usuarios das Bibliotecas aproveitando esta celebración para agasallar aos lectores que maior número de libros retiraron en préstamo o pasado ano 2013.
Os usuarios máis asiduos na categoría adulta foron Félix Villar e Rafael Zeberio cun total de 94 e 93 libros lidos respectivamente. Na categoría de mozos Maria do Carmen Pérez e Juan Dominguez encabezaron a lista, e na infantil Cesar Bravo, Juan Adrián, Andrea Diz e Iria Diz.
Ao longo da xornada do pasado sábado os usuarios da Biblioteca Municipal tudense foron agasallados con diversos regalos como recoñecemento á súa participación na vida deste servizo cultural.
O Concello de Tui recoñece a importancia da lectura como unha ferramenta básica para o desenvolvemento e progreso persoal e social, por iso decidiu recoñecer a agasallar aos principais lectores da Biblioteca Municipal cun diploma e un lote de libros.
Ao acto asistiu a Concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, quen agradeceu aos usuarios premiados a súa asistencia e compromiso coa lectura que demostra a súa asiduidade á Biblioteca Municipal, a cal rexistrou un aumento do 15% no que se refire aos préstamos de libros no pasado ano .
A Biblioteca Municipal de Tui fai un balance positivo do ano 2013, onde rexistrou 257 novos socios, achegándose aos 50.000 usuarios ao longo de todo o ano. Estas cifras fan un balance mensual dunha media de 4.000 usuarios, con máis de 150 diarios.
O balance do ano 2013 reflexa un aumento do 15% no préstamo de obras a domicilio, contabilizándose estes préstamos nun total de 8.196. A colección bibliográfica da que dispón a Biblioteca Municipal tamén aumentou no pasado ano 2013 coa adquisición de 1.529 novas obras, polo que o fondo actual supera xa os 34.300 materiais bibliográficos grazas ás achegas da Consellería de Cultura, o Ministerio de Cultura e o propio Concello de Tui así como tamén de numerosos usuarios que colaboran mediante a doazón de libros de variada temática.
Sem comentários:
Enviar um comentário