Celebráronse 72 actividades en 55 días de apertura deste espazo cultural
O Teatro Municipal de Tui acolleu ao longo do ano 2013 un total de 72 actividades, en 55 días de apertura deste espazo cultural, disfrutando das mesmas 20 mil usuarios.
Dende a súa posta en funcionamento, hai 10 anos e 9 meses, o teatro tudense abriu as súas portas 650 días, e pasaron polo mesmo máis de 235 mil usuarios.
Nas 72 actividades celebradas en 2013 están por unha parte os 20 espectáculos que conformaron a programación oficial, e por outra outros eventos organizados tanto polo propio concello coma por outras entidades.
Espectáculos infantís, música, teatro,maxia foron parte da programación oficial do Teatro que volveu contar co respaldo do público como constatan as cifras: 5.398 espectadores, cunha de media de 270 persoas por función. Isto sitúa a este espazo nos primeiros lugares da media de espectadores a nivel galego. O 42% das entradas foron adquiridas ao través de internet en www.culturatui.info.
Esta programación que vén de rematar caracterizouse pola súa diversidade e pluralidade, seguindo a liña de traballo iniciada hai xa anos cunha aposta clara pola estabilidade e a continuidade. Neste ano, no que a situación económica era complicada, apostouse dende o Concello por manter a mesma liña mantendo tanto a programación coma o orzamento destinado á mesma. A aportación municipal superou este ano os 31 mil euros.
Por outra parte o Teatro Municipal acolleu tamén en 2013 a novena edición de Play-Doc, tres dos concertos do I IKFEM, O International Keyboard Festival, os concertos celebrados polo Conservatorio e a Escola de Música, o Festival de Habaneras e o de Bandas de Música organizados pola Deputación, ou os concertos de Fantasía Coral e Tributo a Zeca Afonso promovidos pola Eurocidade. Tamén se celebraron neste espazo a segunda Gala do Deporte Tudense, distintas actividades no marco das Festas de San Telmo como a Coroación, o Festival Folclórico ou a Semana de Teatro, así como un Festival de Play-backs ou as proxeccións do programa Prevención das Drogodependencias que Concello de Tui desenvolve nos centros escolares.
Dentro dunhas semanas farase pública a programación cultural correspondentes ao primeiro semestre de 2014, que está xa perfilada e volverá estar caracterizada pola calidade e variedade.
Sem comentários:
Enviar um comentário