O número de peregrinos que iniciaron o Camiño Portugués desde Tui no ano 2013 sumou un total de 9.394, o que supón un aumento do 12% en relación ao ano 2012. Con estas cifras Tui segue sendo a primeira localidade elixida como punto de partida por parte dos peregrinos fóra do chamado Camiño Francés.
Logo de Sarria, St. Jean Pied de Port, León e o Cebreiro, a cidade de Tui é a seguinte en concentrar camiñantes para iniciar o camiño. A tradición histórica, a situación estratéxica da cidade e os seus importantes recursos patrimoniais e naturais xustifican a elección dun número cada vez máis numeroso de camiñantes que deciden iniciar en Tui o seu peregrinar a Compostela.
Se sumamos as cifras referentes a nosa veciña Valença, 4.380, a Eurocidade ocuparía o posto número tres como lugar de partida de todos os Camiños de Santiago existentes do pasado ano.
Os datos estatísticos aportados pola Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago amosa o peche do 2013 cun balance positivo xa que se contabilizaron un total de 29.550 peregrinos no conxunto do Camiño Portugués, case 4.000 máis que no ano anterior. Isto supón un constante fluxo de peregrinos pola nosa cidade ao longo do ano por ser ademais de punto de partida, a porta de entrada do Camiño Portugués en Galicia de aqueles que o comezan no país veciño.
Os datos fornecidos pola Oficina Municipal de Tui amosaron tamén un balance positivo e en aumento sendo os veciños portugueses, alemáns e italianos os principais peregrinos estranxeiros achegados á Oficina Municipal na búsqueda de información turística do municipio.
Para o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, os datos do pasado ano son o reflexo dos esforzos realizados polo Concello en manter o camiño ao seu paso pola nosa localidade en boas condicións, mediante a mellora da sinalización e mantemento, así coma as tarefas de promoción e divulgación de Tui coma lugar de destino de peregrinos a través de diversas canles, servendo de testemuña a páxina Tui Camino de Santiago na rede social Facebook, que conta con máis de 5.700 seguidores de todas as partes do mundo.
A gran oferta hostaleira e a actitude aberta e de recibimento dos cidadáns tudenses aos camiñantes son tamén peza fundamental da engrenaxe turística da peregrinaxe na nosa cidade.
Para a consolidación deste itinerario e a potenciacións dos seus recursos e posibilidades a Eurocidade Tui – Valença está traballando, xunto á Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal, na celebración dun encontro sobre o camiño portugués no vindeiro mes de febreiro.
Sem comentários:
Enviar um comentário