300 remeiros de Galicia, Asturias e Portugal vanse dar cita este domingo na X Regata Miño Internacional – Copa Presidente da Deputación de Pontevedra que se vai disputar entre Amorín (Tomiño) e Tui organizada polo Club Remo do Miño contando coa colaboración do Concello de Tui.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, xunto ao presidente da Federación Galega de Remo, José Prada, o vicepresidente do Club Remo do Miño, Alberto Ledo, e o delegado do Club, José Manuel Corgo, foron esta mañá os responsables da presentación deste evento deportivo.
A proba sairá ás 12h dende Amorín, en Tomiño, para percorrer os 6 quilómetros que separan este punto da liña de meta que estará en Tui fronte ás instalacións do Centro Interfederado. Na cita estarán presentes 19 clubs, dos que dez son portugueses, oito galegos entre eles os dous de Tui o Remo do Miño e o Remo Tui, e un asturiano. A competición será tanto para 4 Scull Absoluto feminino e masculino e para Oito absoluto masculino. A saída farase de seis en seis embarcación a intervalos de 3 minutos. A entrega de premios está prevista para ás 13.30h nas instalación do Club Remo do Miño na rúa Olímpicos Tudenses.
Na presentación desta mañá o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, salientou como esta Regata Miño Internacional é unha proba xa consolidada, engadindo a importancia de que o Miño na cidade sega a ser epicentro da actividade deportiva con carácter internacional. Recoñeceu o rexedor o sacrificado que é o deporte do remo, así coma o espectaculares que son as súas regatas.
O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, explicou que seguirán traballando para que esta proba deportiva sexa unha das mellores regatas do panorama nacional desexando que este domingo sexa un éxito.
José Prada, presidente da Federación Galega de Remo, aludiu a longa traxectoria que existe na cidade na celebración de regatas de remo, agradecendo o apoio tanto ao Concello como á Deputación de Pontevedra para a Miño Internacional. Afirmou amais José Prada que esta proba tudense é un dos campionatos de fondo máis importante dos que se celebran en España.
Por parte do Club Remo do Miño, o vicepresidente e o delegado do club, Alberto Ledo e José Manuel Corgo, agradeceron o apoio prestado dende o Concello para a celebración desta competición internacional. Explicaban amais coma o río volve ser apto para a práctica desta deporte, logo de semanas cun elevado caudal e corrente nas que arrastraba elementos coma árbores que podían ser perigosas para os deportistas. Este feito, explicaban, obrigaron a pospor a celebración desta regata algunhas semanas, agardando que este domingo, 2 de marzo o tempo acompañe.
Sem comentários:
Enviar um comentário