O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, acompañou esta mañá á conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, na visita que realizou a Tui. Tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, o xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, concelleiros do equipo de goberno de Tui. A Escola Infantil de Tui comezou a súa actividade o pasado mes de setembro tras un investimento que superou os 730 mil euros contando con 82 prazas para nenos de 0 a 3 anos.
A conselleira Beatriz Mato manifestou a súa satisfacción polas instalacións da Escola Infantil das que dixo que son das máis bonitas de Galicia. Explicou que coa posta en marcha deste servizo, ao que acoden 82 nenos e nenas de 0 a 3 anos, apoiase a conciliación da vida laboral e familiar doutras tantas familias tudenses, engadindo que se presta un servizo público a dispor da cidadanía. Sinalou amais que coa posta en marcha desta Escola Infantil en Tui incrementouse un 40% o número de prazas destas características que se ofertan no Baixo Miño, ás que se sumarán as da segunda Escola Infantil de Tomiño que se vai construír en Goián.
Engadía Beatriz Mato que ante o problema que ten Galicia de dinamización demográfica os servizos son un puntal esencial para o desenvolvemento en comodidade de todas as familias. De aí que sigan apostando por seguir incrementando o número de prazas en Escolas Infantís.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, salientaba coma esta Escola Infantil era unha necesidade, e a súa execución e posta en marcha da resposta á demanda que había. Tamén avanzaba que queren mellorar a entrada movendo unha das pilastras existentes para facer dobre carril no acceso a este centro.
Posteriormente a conselleira de Traballo e o alcalde de Tui achegáronse ata a antiga Escola de Chans onde desenvolve a súa actividade o obradoiro de emprego “Tui Emprende”. 22 alumnos das especialidades de albanelería/cantería, carpintería e instalador de mobles de carpintería traballan no acondicionamento deste inmoble como futuro viveiro de empresas. Neste caso a Xunta aporta 200€ euros para a realización deste proxecto formativo con seis meses de duración, e o concello de Tui máis de 109 mil euros. A primeira fase de desta rehabilitación da antiga Escola de Chans desenvolveuse ao abeiro do anterior obradoiro de emprego que Traballo financiou en Tui na convocatoria 2012-13 con 280.000 euros de investimento e que no participaron 32 alumnos.
Beatriz Mato puxo o aceno no obxectivo do actual Obradoiro de Emprego que é de novo unha aposta polo emprego coa creación dun viveiro de empresas. Así cumpre dous obxectivos, por unha banda da resposta ao proxecto presentado polo Concello e por outra mellora a empregabilidade dos alumnos. Para este 2014 avanzaba que a Xunta investirá 10,5 millóns de euros noutros 50 obradoiros de emprego. Os concellos teñen ata este domingo día 9 para presentar a solicitude cos seus proxectos. Precisamente o alcalde de Tui, avanzaba que Tui está ultimando o novo proxecto que presentarán á convocatoria.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, salientou que os obxectivos deste obradoiro eran recuperar a antiga escola de chan, mellorar a empregabilidade dos alumnos, e apoiar aos emprendedores coa creación do Viveiro de Empresas.
Sem comentários:
Enviar um comentário