O 1 de marzo celebrase o acto institucional e inaugúrase unha exposición sobre o seu labor culturizador
Entre o 26 de febreiro e o 27 de xullo vaise desenvolver en Tui un amplo programa de actividades co gallo do bicentenario do nacemento de Frei Rosendo Salvado, organizado polo Concello de Tui xunto á Xunta de Galicia, o Consello da Cultura Galega e a Diocese de Tui-Vigo.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a concelleira de Cultura Vanesa Rodríguez, o comisario da exposición de Frai Rosendo Salvado, Francisco Díaz Fierros e o delegado diocesano para o bicentenario, Ángel Carniceiro foron os responsables de dar a coñecer os actos previstos.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, destacou a importancia que de que “Tui fose o eixo principal das actividades” a celebrar para pór en valor a unha figura clave na historia da cidade. Apuntaba Moisés Rodríguez que grazas ao traballo de todos o obxectivo está cumprido. Agarda o rexedor tudense que a poboación participe nos actos a celebrar para poder ter un maior coñecemento deste bispo tudense coñecido internacionalmente.
A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, sinalou que Frei Rosendo Salvado é unha desas destacadas personalidades que “pola súa achega compre lembrar permanentemente” apuntando que a súa foi unha traxectoria de gran significación tanto por ser o primeiro defensor dos aboríxenes en Australia, pola súa contribución á vida daquel país e pola súa achega de carácter tecnolóxico-botánico. Engadía a edil de Cultura que “a proxección internacional da súa figura acada cada día unha maior relevancia que dende Tui e Galicia temos que liderar”.
Ángel Carnicero, delegado diocesano para o bicentenardio do Pai Salvado sinalou que o ciclo de conferencias programadas busca "presentar unha figura, unha vida, un personaxe con moitísimas facetas, que pode espertar o interese de todos" engandindo que “estamos un ante humanista que toca todos os paus. Vai cultivar todas as facetas que sexan necesarias para a evanxelización, para promover o desenvolvemento integral dos destinatarios da súa misión, os aboríxes, e el asúmeo”.
Francisco Díaz Fierros, membro do Consello da Cultural Galega, avanzou as actividades programadas en Galicia das que dicía que “aínda que se celebren fóra de Tui van ter coma eixo, como referencia sempre a cidade de Tui, porque se fan precisamente para conmemorar o nacemento nesta cidade de Rosendo Salvado e Rotea”. Sinalou así o acordo tomado polo Parlamento Galego editar en galego a obra "Memorias de Australia" de Rosendo Salvado que está sendo traducida. Amais o Consello da Cultura Galega editará, en grafía actual, as tres obras máis emblemáticas de piano de Rosendo Salvado, xunto ao un arranxo para percusión e voces masculinas dunha das obras máis importantes "O Maquieló" unha danza aborixe, para percusión. Amais baixo o título "A obra do Padre Salvado da civilización á cultural" celebrarase en Santiago un simposio internacional. Pero apuntaba que o acto estrela do Consello da Cultura Galega é a exposición que se vai inaugurar en Tui o 1 de marzo que porá énfase na obra culturizadora de Salvado.
Afirmaba Díaz Fierros que “o Consello da Cultura Galega amosou dende sempre un interese especial en recuperar un home que loitou pola cultura, porque entendeu que a cultura galega non é so a cultura que vivimos no país senón que é a cultura que os propios galegos como Salvado poden levar, transmitir e recrear noutros países".
O sábado 1 de marzo terá lugar o acto institucional
O sábado 1 de marzo, data na que naceu Rosendo Salvado, na que era o seu santo, celebrou a súa primeira misa e se fundou Nova Nursia se vai celebrar o acto institucional no Teatro Municipal. A partir das 19h intervirán Francisco Díaz Fierros, comisario da exposición, Ramón Villares Paz, presidente do Consello da Cultura Galega, Luís Quinteiro Fiuza, bispo da diocese de Tui-Vigo, e o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez. Está previsto amais un pequeno concerto no que a pianista tudense Andrea González interpretará algunhas pezas escritas polo que fóra bispo de Nova Nursia. A continuación, ás 20h, será inagurada a exposición conmemorativa “Rosendo Salvado: o valedor do pobo aborixe” organizada polo Consello da Cultura Galega. En vinte paneis, con fotografías de Santos Salvado, irmán de Rosendo, e unha palabra da nación aborixe onde traballou, recolleranse aspectos moi importantes da obra. A mostra completarase coa exposición de obxectos cedidos por tudense coma libros, cartas, a cruz pectoral do bispo, distintos cadros que recoñecen súa obra,... A exposición poderá visitarse posteriormente en San Martiño Pinario en Santiago e no Mosteiro de Samos.
O mesmo 1 de marzo ás 12h na S.I. Catedral celebrarase unha misa presidida polo bispo da diocese, Luís Quinteiro Fiuza, na que o coro Vox Stellae interpretará unha misa composta polo Pai Salvado. Unha hora despois, ás 13h, a Banda de Música Popular de Tui ofrecerá un concerto na praza da Inmaculada, onde se atopa unha estatua na honra do homenaxeado. E previamente ao acto institucional, ás 18.30h, descubrirase unha placa conmemorativa na casa natal na rúa Martínez Padín.
Un ciclo de conferencias abordará as múltiples facetas da vida de Rosendo Salvado
Ás múltiples facetas da vida de Rosendo Salvado serán abordadas nun ciclo de conferencias que terá lugar no Seminario Menor entre o 26 de febreiro e o 5 de abril. Na primeira delas, o mércores 26 de febreiro ás 20h, Avelino Bouzón Gallego impartirá un relatorio titulado “Un tudense apóstol de los aborígenes australianos”. O 5 de marzo ás 20h será a pianista Andrea Gonzáelz Pérez quen fale de “A música no Pai Salvado” abordando tanto as súas composicións coma a música que lle gustaba. A seguinte conferencia, o mércores 12 de marzo ás 20h, correrá a cargo de Francisco Díaz-Fierros, membro do Consello da Cultura Galega, baixo o título “A natureza no Pai Salvado. Retos e oportunidades”. O mércores 26 de marzo proxectarase o documental realizado polo xornalista Manu Leguineche para TVE sobre a figura de Salvado. E pechando o ciclo, o sábado 5 de abril ás 12h, intervirá o pai Giulio Cipollone, relixioso trinitario, catedrático de Historia da Igrexa, para pronunciar unha conferencia titulada “Salvado y el ‘otro’. Precursor en derechos humanos y ‘humana’ convivencia”.
O programa previsto complétase con visitas guiadas á exposición, cun programa de visitas temáticas polo “Tui de Salvado”, así coma cun ciclo de concertos a cargos dos alumnos do Conservatorio Profesional de Música e da Escola de Música que terá lugar entre o 10 de marzo e o 14 de maio. Por último IKFEM, Internacional Keyboard Festival, na súa segunda edición entre o 18 e o 26 de xullo realizará concertos arredor do Pai Salvado.
Sem comentários:
Enviar um comentário