O Club Kaiak Tudense recibiu a Copa do Rei na Gala do Piragüismo Nacional
A pasada fin de semana tiveron lugar varios acontecementos deportivos nos que os deportistas tudenses acadaron excelentes resultados.
Leticia Fernández, que recentemente se proclamou campioa Galega de Pista Cuberta na distancia de 800 metros, participou no Campionato de España Promesa de Pista Cuberta, na localidade malagueña de Antequera. A atleta tudense acadou a medalla de prata na distancia de 1.500 metros lisos converténdose así en Subcampioa de España Promesa cunha marca de 4:28.25, só superada pola atleta Marta Pérez.
A atleta tudense terá dúas semanas máis de adestramentos para a súa participación no Campionato de España Absoluto en Pista Cuberta, que un ano máis se disputará en Sabadell.
En canto a Uxía Pérez, que a pasada fin de semana acadaba o subcampionato Galego Absoluto, participou no Campionato Galego Xuvenil, no Palacio dos Deportes de Riazor, en A Coruña, onde acadou dúas medallas, unha de ouro, e unha de prata. A de ouro chegou ás súas mans na proba de 3.000 metros, na que ademais de converterse en campioa Galega Xuvenil, mellorou o Record Galego Xuvenil cunha marca de 9:50.60. A medalla de prata logrouna na proba dos 1.500 metros.
Pero a estes éxitos do atletismo tudense sumouse tamén a medalla de prata da atleta do Club Atletismo Tui, Aida Martínez, no Campionato Galego Cadete, disputado tamén no Pazo dos Deportes de Riazor o domingo.
No mundo do piragüismo, o Club Kaiak Tudense recibiu a Copa do Rei “División de honra” como mellor equipo nacional da categoría absoluta. A entrega tivo lugar na XXXI Gala Nacional do Piragüismo celebrada o pasado sábado no auditorio Ramos Carrión de Zamora.
O Concello de Tui desexa felicitalos, xa que, estes resultados, xunto aos acadados nas pasadas semanas polos diferentes deportistas, non fan máis que demostrar o alto nivel do noso deporte e o excelente traballo que realizan os clubs tudenses.
Sem comentários:
Enviar um comentário