Nuria Domínguez, Jesús González e Sergio Pérez, do Club Remo Tui proclamáronse campións de España
Leticia Fernández e Uxía Pérez triunfaron no Campionato Galego de Atletismo.
Son varios os éxitos logrados esta fin de semana por clubs tudenses na súa participación en campionatos tanto de España como galegos en remo, atletismo e patinaxe.
Por unha banda na pasada fin de semana disputouse en Sevilla o Campionato de España de Remoergómetro e o Campionato de España de Fondo de Inverno, no que os remeiros e remeiras tudenses tiveron unha excelente actuación. O sábado, no pavillón deportivo de Tomares (Sevilla) disputouse o Campionato de España de Remoergómetro onde, no cadro feminino, Nuria Dominguez acadou a medalla de prata na categoría absoluta feminina, Esmeralda Santos o posto número catro, e Aroa Rendo a posición 25ª en xuvenil. Pola parte masculina, Jesús González acadou a medalla de prata na categoría absoluta lixeiro, Sergio Pérez obtivo a cuarta posición e Diego das Dores a 14ª. Javier Álvarez e Samuel Cardoso, en categoría xuvenil masculina, obtiveron a posición 25ª e 36ª respectivamente.
Na xornada do domingo disputouse o V Campionato de España de Fondo – Trial de Inverno, nas instalacións do CEAR da Cartuxa de Sevilla, no que Nuria Domínguez proclamouse Campiona de España na modalidade Skiff Absoluta Femenina, Jesús González e Sergio Pérez, en 2 sen temoeiro, proclamáronse tamén Campions de España. Pola súa banda, os xuvenís Samuel Cardoso e Javier Álvarez, en Skiff xuvenil, acadaron a 18ª e 25ª posición respectivamente.
Estes resultados, xunto aos acadados no Campionato Galego de Remoergómetro, celebrado en Ferrol o día 26 de xaneiro, demostran o nivel do remo tudense, onde os remeiros e remeiras do Club Remo Tui obtiveron dúas medallas de ouro, tres de prata e unha de bronce, destacando os ouros da infantil Lucía González e do equipo infantil feminino formado por Nuria Piña, Iria Álvarez, Lara Álvarez e Lucía Gonzalez; as pratas da cadete Laura Freiria, do xuvenil Javier Álvarez e do equipo xuvenil feminino formado por Aroha Rendo, Estefanía Lago, Ana Álvarez e Laura Freiría; así como do bronce de xuvenil Aroha Rendo.
Destacar que os remeiros do Club Remo Tui, Sergio Pérez e Jesús Gonzalez quedaron concentrados en Sevilla co equipo nacional ata o día 12 de febreiro, polo que tras esta data realizarase á recepción oficial no Concello de Tui aos Campions de España.
Por outra parte o Club Ribex de Tui acadou unha magnífica segunda posición no Campionato Galego de Patinaxe disputado a pasada fin de semana en Santiago de Compostela. As patinadoras de Tui participaron na xornada do sábado co show “Atrápalo”, co que obtiveron unha meritoria cuarta posición. Na xornada do domingo, o espectáculo “Xogamos” sorprendeu a tódolos espectadores do pavillón Santa Isabel, obtendo o subcampionato galego. Estes dous resultados clasifican as patinadoras de Tui para o Campionato de España de Patinaxe, que disputarase no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela os días 1 e 2 de marzo.
Por último, no mundo do atletismo, tamén a pasada fin de semana se disputou o Campionato Galego de Pista Cuberta, no Palacio dos Deportes de A Coruña, onde as atletas tudenses Leticia Fernández e Uxía Pérez obtiveron uns magníficos resultados.
Pola súa parte, Leticia Fernández proclamouse Campioa Galega Absoluta na distancia de 800 metros, cun tempo de 2:11.55. Leticia tamén participou recentemente no Campionato Galego de Cross Corto, celebrado en Friol, o día 26 de xaneiro, acadando a medalla de ouro.
Uxía Pérez, pertencente ao Club Atletismo Tui-Thermalia, acadou o subcampionato Galego Absoluto na distancia de 1.500 metros, cun tempo de 4:46.56, soamente a tres segundos do primeiro posto. Uxía, ao igual que Leticia, viña de proclamarse Campiona Galega de Cross Corto en Friol, na categoría xuvenil feminina, e tamén de facer nas pistas cubertas de Braga o Record Galego Xuvenil na distancia de 3.000 metros, cun tempo de 9:55.61, batendo a marca establecida pola atleta Paula Mayobre dende o 2005.
O atleta cadete Nahom Álvarez Ramos, tamén do club tudense, acadou o Campionato Galego de Cross Corto na categoría cadete masculina.
O Concello de Tui desexa felicitar a todos estes deportistas polos resultados obtidos, así como aos seus clubs polo bo traballo que están realizando nestas primeiras competicións do presente ano.
Sem comentários:
Enviar um comentário