O III Trofeo de Baile Deportivo da Eurocidade celebrarase este domingo de 12.00 a 20.00 horas no novo Pavillón Municipal de Tui. O acto estivo encabezado polo concelleiro da Eurocidade, Miguel Capón, quen valorou positivamente esta proba dentro do calendario de eventos comúns entre Tui e Valença. Amais, estiveron presentes o concelleiro de deportes de Tui, Laureano Alonso, o vereador de deportes de Valença, José Monte, e o director do Trofeo, Miguel Abreu.
Máis de 100 bailaríns participarán nas modalidades standard (vals inglés, tango, vals vienés, slow fox e quickstep), latina (samba, cha-cha, rumba, pasodobre e jive), bailes caribeños (salsa, bachata e merengue) e danza coreográfica (baile deportivo e en grupos).
Cada bailarín participará no grupo de idade (xuvenil, junior, youth, adulto e senior) e categoría (iniciación –H,G,F–, territorial -1ª e 2ª–, C, B, “A” nacional e “A” internacional).
Como novidade, e co obxectivo de potenciar as competicións e a creación dunha clasificación común entre Galicia e o Norte de Portugal creouse un “Circuíto Ibérico” no que participarán máis de 80 bailaríns de Galicia e Portugal.
Tratase polo tanto dun evento “espectacular” nas palabras do seu director, Miguel Abreu, quen ademais lembrou que o baile deportivo “é un deporte regulado por unha federación propia e firme candidato a estar nos Xogos Olímpicos nun futuro”.
Pola súa parte, o concelleiro de Deportes tudense, Laureano Alonso, sinalou a oportunidade de que o certame congregue a visitantes en ámbalas dúas cidades e o vereador de deportes de Valença, Jose Monte, destacou o carácter internacional e transversal da proba.
O prezo xeral da entrada será de 6€, namentres que os menores de 12 anos teñen acceso de balde e os maiores de 65 pagarán 4€. O III Trofeo de Baile Deportivo da Eurocidade Tui-Valença está organizado polo Club de Baile Deportivo Pasos – BaileGalicia en colaboración coa Eurocidade.
III Torneo de Baile Deportivo Eurocidade Tui – Valença
Data: Domingo, 20 de novembro.
Hora: 12:00 a 20:00 horas.
Lugar: Novo Pavillón de Tui.
Entrada: 6€ (4€ +65 anos, de balde para menores de 12 anos).
Sem comentários:
Enviar um comentário