Amosa a disposición do goberno a colaborar para levar adiante o novo colexio de Pazos de Reis e as rotondas de Areas e Guillarei
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, solicitará reunirse co novo goberno da Xunta, unha vez estea conformado, para trasladarlle as demandas que ten o municipio. O rexedor tudense así o avanza tras o anuncio feito onte por Alberto Núñez Feijoo no seu discurso de investidura de construción do enlace ao parque empresarial de Areas na VAP Tui-A Guarda e do novo edificio xudicial na cidade. Nese senso Enrique Cabaleiro considerou significativo que o presidente da Xunta, no seu discurso de investidura, recoñeza os compromisos que a Xunta de Galicia ten pendentes con Tui. Ao tempo lembrou outras demandas do goberno municipal coma son a construción dun novo colexio para Pazos de Reis e de dúas rotondas, unha na Po 404 en Guillarei para dar acceso á veiga do Louro onde está a EDAR de Guillarei, e na Po 552 a altura de Areas no cruzamento coa Po 350 cara Tebra. Estas demandas, consideradas coma inaprazables polo alcalde, buscará trasladarllas persoalmente aos conselleiros responsables tan pronto coma tomen posesión co obxectivo de que asuman o compromiso de levalas adiante. Enrique Cabaleiro brindará á Xunta a estreita colaboración do goberno municipal para satisfacer as necesidades que neste momento ten o municipio.
Sem comentários:
Enviar um comentário