Tui sitúase á vangarda entre os concellos da comarca na comunicación a través de internet
O Concello de Tui continúa o seu esforzo de achegarse á cidadanía dun xeito máis sinxelo, atractivo e áxil a través das redes sociais. Dende o pasado ano, creouse o perfil de Twitter (@concellotui) e déuselle pulo a xestión do Facebook oficial do Concello (facebook.com/concellodetui).
O traballo do gabinete de comunicación nestas redes céntrase en ofrecer aos cidadáns avisos e información de última hora, dar conta da actualidade municipal e servir como canle de comunicación directo entre o Concello e os cidadáns. Ademais, os usuarios tamén poden atopar información relativa á axenda cultural e destaques turísticos enfocados a potenciar e divulgar o patrimonio cultural, histórico e medioambiental de Tui.
Dende a creación en 2015 dunha conta oficial na popular rede de microblogging Twitter, o número de seguidores non deixou de crecer até os 362 actuais, rexistrando un aumento do 376% entre xaneiro e outubro deste ano.
Pola súa parte, Facebook permite especialmente visibilizar actividades e eventos que se difunden entre os máis de 3.300 seguidores cos que conta a páxina oficial (/concellodetui). A mesma experimentou un crecemento do 71% con 1.388 novos seguidores nos últimos dez meses, o que referenda o interese dos tudenses por estar en contacto co seu concello a través desta canle alternativa de comunicación. Ao tempo, serven de altofalante e potencian o acceso á páxina web do Concello.
Así mesmo, durante as fins de semana acentúase a visibilidade dos recunchos turísticos tudenses a través de álbums de fotos que permiten que os tudenses visiten dixitalmente diferentes puntos do municipio.
Entre as publicacións máis compartidas, atópase o álbum fotográfico coa nova imaxe da ponte das Bornetas cun mural coa panorámica do conxunto histórico e do Monte Aloia. Estas fotografías chegaron a preto de 25.500 persoas.
Ademais, ámbalas dúas redes, a través das mensaxes directas, permiten poñer en contacto aos cidadáns coa súa administración local a través do gabinete de comunicación, o que permite unha conversa áxil e sen límites, independentemente do punto físico no que se atopen os usuarios.
Arestora Tui sitúase á vangarda dos concellos da comarca no tocante á comunicación online 2.0 con perfís activos e útiles para os cidadáns nas dúas redes sociais máis empregadas do mundo e que permiten chegar á máis de 1.500 millóns de usuarios potenciais en todo o mundo.
Amais dende o ano pasado os veciños teñen ao seu dispor a aplicación Colaboración Cidadá a través da que poden facer as súas preguntas, suxestións ou avisos.
Sem comentários:
Enviar um comentário