Por noveno ano consecutivo o Concello de Tui convoca o Concurso Fotográfico/Literario Relación Home Muller 100% Positiva co gallo do 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero. O obxectivo do mesmo é resaltar de forma positiva a relación de parella, amizade, convivencia no traballo entre homes e mulleres en todos os ámbitos da vida. Con esta campaña búscase fomentar este tipo de relacións para acabar entre todos coa violencia machista.
Hai dúas modalidades de participación cunha fotografía ou cunha poesía, podendo remitir traballos dunha soa ou de ambas. Establécense dúas categorías de participación, unha para maiores de 18 e outra para menores de idade.
Para a modalidade de fotografía os participantes poderán enviar un máximo de 3 obras, que poden ter retoque fotográfico pero non fotomontaxe, en cor ou en branco e negro. Presentaranse en papel cun tamaño mínimo de 20x15cm e máximo de 42x29,70cm. Débese titular cada fotografía.
Mentres na modalidade de poesía remitirase un único poema escrito a ordenador cun máximo dunha páxina DINA4. O texto debe ser orixinal e non pode ter participado noutro concurso.
As obras deben entregarse ata o 16 de novembro ás 12h no Concello de Tui persoalmente ou por correo en sobre pechado indicando no exterior “Concurso fotográfico/literario: Relación Home/Muller 100% Positiva, 9ª Edición”. No interior irán dous sobres un coas fotografías ou poesía e outro cos datos do autor/a.
Para os maiores de 18 anos establécese un premio de 200€ en metálico para o gañador na categoría de fotografía e outro premio de 200€ para o gañador en poesía. Mentres os menores de idade recibirán un agasallo valorado aproximadamente en 150€ tanto en fotografía coma en poesía. O xurado poderá declarar os premios desertos. Para elixir aos traballos premiados terá en conta a súa calidade técnica e artística e a temática valorando tanto o contido e tratamento do tema, coma a orixinalidade, expresión e presentación en xeral.
As bases completas desta convocatoria pódense consultar na web municipal www.concellotui.org.
Sem comentários:
Enviar um comentário