Os beléns que se poden observar nesta Catedral son unha colección de 400 nacementos procedentes de numerosos países e que se reúnen nestas datas na Capela das Reliquias da Catedral de Tui enmarcados na exposición Beléns do Mundo.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, subliñou o potencial de Galicia como destino multiexperiencial e a interesante oferta turística que ofrece ao longo de todo o ano grazas a actividades como os beléns da Catedral de Tui, inaugurados hoxe.
Os beléns que se poden observar nesta Catedral son unha colección de 400 nacementos procedentes de numerosos países e que se reúnen nestas datas na Capela das Reliquias da Catedral de Tui enmarcados na exposición Beléns do Mundo.
Durante o acto de inauguración, Nava Castro resaltou o "marco incomparable" que esta exposición lle amosa ao visitante e a oportunidade que ofrece para aproveitar para "contemplar esta fermosa Catedral e a súa impresionante arquitectura ademais de visitar Tui, un dos principais enclaves patrimoniais de Galicia e a entrada do Camiño Portugués, escollido por máis dun 18% dos peregrinos que chegan a Compostela".
A directora asegurou que se trata dunha colección "de grande interese" xa que permite comparar como se representan en distintos países as escenas máis sinaladas do Nadal como a Natividade ou incluso, nalgúns casos, a Epifanía, escena que este ano ten tamén unha vitrina dedicada en exclusiva.
As persoas interesadas xa poden achegarse a contemplar esta compilación de nacementos, aberta ao público todos os días da semana ata a fin de semana seguinte a Reis. O horario de visita é de 10.30 a 14 horas e de 16 a 19 horas de luns a sábado e de 10.30 a 12.30 e de 16 a 19 horas os domingos.
‘Un paseo polo Nadal de Galicia'
Os beléns da Catedral de Tui son unha das numerosas actividades incluídas no programa "Un paseo polo Nadal de Galicia", posto en marcha por Turismo de Galicia para promover a oferta turística da Comunidade nesta época do ano.
A proposta recolle 17 actividades belenísticas salpicadas por toda a Comunidade -5 delas na provincia de Pontevedra: Valga, Tui, Vigo, Gondomar e Mos-; 17 mercados de Nadal celebrados nas sete grandes cidades -3 deles na cidade de Pontevedra e 1 en Vigo-; actividades de artesanía como Artenadal, en Lugo, ou Ofeitoaman, en Vigo; e iniciativas de tipo cultural como o "Nadal no Gaiás" e outros eventos de música, teatro, xogos ou concursos.
Así mesmo, Nava Castro explicou que das 17 actividades belenísticas que se detallan no programa, cabe salientar o belén artesanal en movemento de Valga, en Pontevedra, e o belén electrónico de Begonte, en Lugo, declarados Festa de Interese Turístico de Galicia.
Ademais, o programa recolle outros recoñecidos beléns históricos da Comunidade como o belén xigante de Viveiro, feito a escala natural e salientable pola súa ambientación e realismo; o belén de Arturo Baltar en Ourense, formado por unhas cincocentas pezas entre as que se poden recoñecer personaxes populares da cidade das Burgas; o da Grande Obra de Atocha, na Coruña, inaugurado en 1923 e que presenta un mapa a escala de Xerusalén e conta cunha superficie de 120 m2 e 150 figuras artesanais; o belén do Edificio Liceo de Betanzos, que representa con narración gravada e movemento a historia, xeografía, etnia e actividades diversas; e o belén da Orde Terceira en Ferrol, con máis de 60 anos de historia e máis de 200 figuras con movemento.
A directora aproveitou a ocasión para explicar que este programa é tan só unha selección e animou a visitar tamén outros eventos belenísticos e actividades de Nadal que en todos os concellos galegos se preparan nestas datas.
in Infominho
Sem comentários:
Enviar um comentário