Nas últimas semanas os actos incívicos centráronse na nova sinalización instalada no conxunto histórico
Ante os actos vandálicos das últimas semanas no conxunto histórico de Tui, a concellería de Patrimonio quere facer un chamamento ao respecto e protección dos elementos que permiten divulgar a nosa historia. Aínda que se trata dun problema antigo, nas últimas semanas, dende a colocación da nova sinalización no conxunto histórico, vénse producindo un aumento do vandalismo. Nos últimos días arrincouse unha das sinais e rompéronse outras dúas ademais de aparecer diferentes pintadas na praza de San Fernando.
A Concelleira de Patrimonio, Carmen Núñez, chama a “combater” este tipo de actos incívicos que van en contra de todos os tudenses. Núñez salienta que “se fixo un importante esforzo por dotar ao conxunto histórico dunha nova sinalización máis limpa, harmónica e respectuosa coas características do entorno” e polo tanto “é importante protexer o esforzo común” ante estes actos.
Dende o Concello de Tui lembran que contamos co segundo casco histórico de Galicia é que a nova sinalización permite informar aos tudenses e visitantes da riqueza do patrimonio tudense.
O Concello vén de levar a cabo un proxecto integral de sinalización da cidade histórica que persegue facilitar a visita desta zona, pola en valor, xerar maior atractivo e ofrecer unha imaxe uniforme, renovada e actualizada. Para a execución deste proxecto tívose en conta as especiais características da cidade histórica partindo coma premisas do respecto e integración no lugar, así coma de accesibilidade.
Sem comentários:
Enviar um comentário