O proxecto aséntase na sinalización física e nunha plataforma dixital
O Concello de Tui levou a cabo nas últimas semanas un proxecto integral de sinalización da cidade histórica que persegue facilitar a visita desta zona, pola en valor, xerar maior atractivo e ofrecer unha imaxe uniforme, renovada e actualizada. Para a execución deste proxecto tívose en conta as especiais características da cidade histórica partindo coma premisas do respecto e integración no lugar, así coma de accesibilidade.
O proxecto, posto en marcha pola concellería de Patrimonio, aséntase en dous elementos: dunha banda a sinalización física e doutra unha plataforma dixital – IBeaken – especializada neste tipo de contido. Tamén abrangueu a retirada da maior parte da sinalización existente que quedou obsoleta e estaba en mal estado en moitos dos casos.
En canto á sinalización física, o traballo centrouse nun deseño racional, en material resistente, cun sinxelo mantemento e con contido modificable. Por estes motivos optouse por unha placa metálica lacada ao forno, ancorada á parede de pedra co texto troquelado e baleirado na mesma placa. A rotulación da información realizouse en vinilo de alta calidade ofrecéndose en tres idiomas – galego, castelán e inglés – e incorporando o símbolo NFC e un código QR, que a través dos teléfonos móbiles intelixentes, permite o acceso á plataforma dixital para ampliar a información.
Instaláronse tres tipos de elementos: sinais interpretativos, sinais direccionais e sinais identificativos. En función do lugar onde foron colocados optouse por un panel vertical, unha placa ou un sinal urbano. Os sinais interpretativos, que recollen unha descrición histórica e información direccional de recursos, están situadas na Porta da Pía, ou na rúa Sanz, punto de paso do Camiño de Santiago. Mentres os sinais direccionais recollen a dirección e o tempo aproximado ao que se sitúa un recurso turístico, coma pode ser a Catedral, o Albergue de Peregrinos ou a Oficina Municipal de Turismo. O terceiro tipo de sinal, os identificativos, ofrecen unha descrición histórica do monumento ou emprazamento, ampliable a través da plataforma dixital. A Catedral de Santa María, o Convento das Clarisas, as igrexas de San Domingos, San Bartolomeu ou San Francisco, a muralla medieval, o palco da música, os xardíns de Troncoso, ou as prazas de Fromista, da Armada, ou da Estrela son so unha parte dos elementos sinalados.
Toda esta sinalización poderá ampliarse no futuro en caso de considerarse necesario identificar novos elementos.
Tamén foi marcada a Ruta Xudía, ofrecendo información sobre a importancia que esta comunidade tivo en Tui, ao tempo que os sinais identificativos achegan datos da sinagoga, a vivenda de Salomón, a carnicería, a Torre do Xudeu, ou Cárcere Capitular.
En canto a segunda parte do proxecto, a plataforma turismotui.mobi, á que dan acceso tanto o NFC coma os códigos QR instalados na sinalización, amplía a información sobre cada recurso con novos textos, fotografías, audioguías e vídeos, así coma localizándoos no mapa. Deste xeito ao través da plataforma é doado realizar unha visita guiada da cidade histórica de Tui seguindo esta información cun teléfono móbil intelixente. Esta plataforma permite tamén ir ampliando a información existente tanto en textos coma en imaxes, vídeos ou sons, e a creación de novos recursos non incorporados neste momento.
Esta actuación, subvencionada nun 42% pola Axencia de Turismo de Galicia, asumindo o concello o 58% restante, contou cos preceptivos permisos da Dirección Xeral de Patrimonio ao realizarse en zona BIC, Ben de Interese Cultural.
Sem comentários:
Enviar um comentário