Apoiar propostas culturais realizadas polo tecido asociativo da provincia foi un dos eixos estratéxicos do departamento de Cultura e Lingua da Deputación. Con este obxectivo habilitou dúas grandes liñas de axudas, unha denominada globalmente "Ano Castelao", e outra encamiñada á dinamización do galego. A maiores destas axudas, ambas convocadas en réxime de concorrencia competitiva, o organismo provincial apoiou economicamente os catro festivais audiovisuais da provincia organizados por movementos asociativos - o Play-Doc de Tui, o Festival de Cans, o FIC-Bueu, e o Curtas Film Fest de Vilagarcía-; e á asociación que organiza o proxecto de promoción do galego en centros educativos 'Correlingua'.
O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, salientou que "este ano 2016 foi un ano de moitas novidades en canto ás axudas a colectivos. Introduciuse a figura de Castelao, que fixo que moitos proxectos xiraran en torno ás actividades que el cultivou. Tamén foi un ano importante para a lingua porque realmente todas as accións do departamento puxeron o galego no escaparate que merece".
As axudas 'Ano Castelao' tiñan por obxecto promover e fomentar actividades culturais realizadas por persoas físicas e xurídicas sen fins de lucro. Ao abeiro desta liña foran aprobados 164 proxectos presentados por asociacións e agrupacións culturais de toda a provincia. Por comarcas, en Deza e Tabeirós - Terra de Montes concedéronse 13 proxectos, no Morrazo 24, no Salnés 18, na de Caldas 12, no Baixo Miño 16, no Condado - Paradanta 7, na comarca de Pontevedra 24, e na de Vigo 50. Convén lembrar que esta liña deu cabida a proxectos e propostas enfocadas a mellorar a calidade de todas as manifestacións culturais, e en especial as disciplinas que cultivou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao ou as que están relacionadas coa súa figura,e que contribúen á modernización e recuperación da cultura galega. A través destas axudas apóianse actividades tales como as xornadas e eventos relacionados coa memoria histórica; as actividades relacionadas co patrimonio histórico-artístico e arqueolóxico; os festivais de corais, de música e baile tradicional; os intercambios culturais; e outros eventos nos que se fai referencia á figura de Castelao.
Para a adxudicación destas subvencións, as bases reguladores contemplaban catro criterios: a difusión da actividade, segundo sexa de ámbito local, provincial, nacional ou internacional; o orzamento total da actividade; a porcentaxe solicitada de financiamento; e a adecuación da actividade ao interese provincial.
Dinamización do Galego
Un total de 105 proxectos de toda a provincia foron aprobados ao abeiro da liña de axudas a entidades para dinamización do galego. Unha liña de axudas que o organismo provincial convocou, a través do departamento de Cultura e Lingua, por primeira vez neste exercicio. Esta axudas contemplaran catro apartados:Certames literarios, xornalísticos e teatrais; Festivais de música; Accións de fomento do galego na cultura, comercio e novas tecnoloxías; e Recoñecementos a persoas e colectivos que aposten pola lingua.
No primeiro apartado foron aprobados 24 proxectos (o 20% do total), destacando especialmente o apoio que recibiron certames xa consolidados e de gran implantación na provincia como son o XXX Festival da Poesía do Condado, a XXXIII Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, ou o Certame literario 'O Grelo'.
No apartado de Festivais de Música apoiáronse 31 proxectos (o 31% do total), entre os que cabe mencionar o Armadiña Rock, por incluír un cartel de grupos nos que predominou a música en galego e por realizar todas as demais actividades paralelas da programación e a promoción en galego; e a adaptación a galego do Concerto de Carmina Burana, realizada pola Asociación Cultural Musical de Valga. No terceiro apartado o número de proxectos ascendeu a 44 (o 46% do total) e incluía propostas relativas á divulgación etnográfica e histórica, como o documental sobre o Entroido de Cobres, Vilaboa; e os proxectos de dinamización da lingua presentados por entidades empresariais e do comercio do Morrazo, Porriño, Redondela, Vigo e Vilagarcía. Por último no apartado dedicado a recoñecementos a persoas e colectivos foron aprobados 6 proxectos (o 1% do total), con iniciativas que xiraron ao redor da figura de Manuel María, persoeiro ao que se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas, como o concerto didáctico músico poético realizado pola Escola de Música de Vilaboa nos centros educativos deste concello.
Festivais audiovisuais e Correlingua
O Ano Castelao tamén estivo presente en todos os festivais audiovisuais de envergadura da provincia coa proxección de 'Miss Ledya', xusto no ano do centenario da estrea deste filme. Foron os catro festivais, organizados por movementos asociativos, que ademais contaron con apoio económico por parte do departamento de Cultura e Lingua: o Play-Doc de Tui, o Festival de Cans do Porriño, o FIC-Bueu, e o Curtas Film Fest de Vilagarcía. Este apoio aplicouse por primeira vez aos festivais de Bueu e Vilagarcía nas axudas da Deputación, cunha achega de 6.000 euros para cada festival, e incrementouse a achega ao Play-Doc, que acadou este ano os 8.000 euros, e ao Festival de Cans, con 12.000 euros.
Outra iniciativa promovida por unha asociación e que contou con apoio da Deputación por vez primeira foi o proxecto 'Correlingua', unha actividade escolar que dura todo o curso escolar. Iníciase no primeiro trimestre coa convocatoria dos concursos - vídeo, banda deseñada e manifesto- por medio dos cales o alumnado reflexiona sobre a situación do noso idioma e crea os seus propios argumentos para defender o seu dereito a vivir e medrar en galego. Na edición 2016, o 'Correlingua' percorreu doce localidades galegas, baixo o lema: 'O galego está en nós', inspirado nun poema do poeta chairego ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2016, Manuel María. O propio poeta participara en numerosas ocasións nesta actividade.
Hai que lembrar que cada unha das doce carreiras rematou nunha festa final na que se daba lectura ao manifesto gañador e na que actuabá un dos grupos gañadores do Cantalingua, outro dos certames do Correlingua, no que os grupos seleccionados foron elixidos polo alumnado e o profesorado de diversos centros que seleccionaron como gañadores a Zënzar, Liviao do Marrao e Pito de Pikasso.
in Infominho
Sem comentários:
Enviar um comentário