Un total de 20 mil usuarios pasaron ao longo do ano 2016 polo Teatro Municipal de Tui para disfrutar dalgunha das máis de 70 actividades de teatro, música, cinema, educación,...celebradas no medio centenar de días de apertura ao público deste espazo.
Por unha parte 20 espectáculos conformaron a programación oficial organizada polo Concello de Tui contando en 14 deles coa colaboración do AGADIC. A esta véntena de actividades asistiron 5 mil espectadores, co que a media foi de 255 persoas por función. Compre destacar a boa acollida de público e crítica que tiveron eventos coma o concerto de Samuel Diz, Best Boy ou a presentación da Orquestra Sinfónica de Tui nunha aposta do Concello de Tui polos artistas locais. O investimento de fondos propios realizado nestes eventos acadou os 30 mil euros.
Outro dos eventos que contaron cunha gran resposta do público co aforo case completo todos os días foi a Semana de Teatro Afeccionado que tivo lugar coincidindo coas festas de San Telmo ou o Festival Folclórico ás que asistiron máis de 3 mil persoas. Pero o teatro tudense foi tamén escenario doutras actividades organizadas por outros departamentos municipais coma o programa o Cine nas Aulas, os concertos de fin de curso e de Nadal do Conservatorio Profesional de Música de Tui ou a Gala do Deporte Tudense que achegaron 2 mil usuarios máis.
Por outra parte o Concello de Tui, a través do departamento de Cultura, colaborou con diversas asociacións e entidades cedendo o Teatro Municipal de Tui para a celebración de diversidade de eventos que sumaron dez mil espectadores máis.
Un deles foi, no mes de marzo, Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui, referencia no sector a nivel internacional, polo que pasaron máis de 4 mil espectadores nas distintas proxeccións realizadas. Outros eventos levados a cabo ao longo do 2016 foron o IKFEM, Festival Internacional de Instrumentos de Tecla, ou o concurso de xoves talentos de Xuventudes Musicais de España, ou unha xornada a nivel europeo sobre o programa Erasmus +. Tamén se celebraron neste espazo, por parte de distintos centros educativos tudenses, diferentes espectáculos para o alumnado de Primaria e Secundaria. Dende a concellería de Cultura de Tui faise un balance moi positivo destes datos de público xa que a oferta dunha programación de calidade e estable.
A finais de mes darase a coñecer a nova oferta cultural que se presenta para o primeiro semestre do ano da que arestora se ultiman os detalles previa a súa presentación oficial.
Sem comentários:
Enviar um comentário