O vindeiro venres, 27 de xaneiro, ás 19h, o Teatro Municipal de Tui acollerá o acto de homenaxe ao premio Nobel de Literatura Camilo José Cela co gallo de celebrar o centenario do nacemento do escritor, fortemente vinculado a Tui. Esta mañá presentouse na casa do concello o acto “Cela en Tui” no que participou a concelleira de Cultura, María José González, o sobriño do escritor, Julio Pérez Cela, e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro.
O acto do vindeiro venres constará da proxección de parte do documental “El recuerdo más cercano” que, dirixido Carlos Agustín e Belén Tánago, narra a vida de Cela na voz dos seus familiares e amigos máis próximos. A continuación, abrirase un coloquio no que participará o seu fillo Camilo José Cela Conde, o seu irmán Jorge Cela Trulock e o seu sobriño Julio Pérez Cela. Este último lembrou hoxe que para o escritor Tui era, xunto con Iria Flavia, a cidade galega máis importante na súa vida. O seu sobriño afincado en Tui sinalou que o escritor pasaba as súas vacacións e boa parte do seu tempo libre na cidade, a onde se desprazaba para lembrar os seus tempos de nenez.
Aínda que Cela naceu en Iria Flavia, Padrón, o seu pai é oriúndo de Tui e influíu notablemente na vida do escritor galego. A familia do seu pai chegou a Tui procedente do pobo ourensán de Piños de Cea e aquí, instalados nunha casa situada no que hoxe é a rúa Maristas, formaron parte activa da vida política e social da cidade. O seu avó, Camilo Cela Fernández, chegou a ser alcalde da cidade a comezos do século XX, en 1905, e entre os seus fillos atópase Camilo Cela, pai do escritor.
Camilo José Cela é fillo predilecto da Cidade de Tui e conta cunha céntrica rúa na súa honra. Ademais, boa parte da familia aínda veranea e pasa estadías nas diferentes propiedades que posúen en Tui.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, sinalou a honra que supón para o Concello de Tui poder celebrar este acontecemento no que se salienta a estreita relación de Cela coa cidade. Cabaleiro sinalou que, en certo xeito, Camilo José Cela foi precursor das relacións interfronteirizas e do que hoxe coñecemos como Eurocidade Tui-Valença. De feito, foi destacado como bombeiro de honra de Valença.
Centenario de Camilo José Cela: “Cela en Tui”
Teatro Municipal de Tui
Venres, 27 de xaneiro, 19h
Proxección dun fragmento do documental “El recuerdo más cercano” e posterior coloquio no que interveñen o seu fillo, Camilo José Cela Conde, o seu irmán, Jorge Cela Trulock e o seu sobriño, Julio Pérez Cela
Sem comentários:
Enviar um comentário