terça-feira, 15 de fevereiro de 2011

Concurso de Entroido a celebrar o 8 de marzo


O primeiro premio da categoría xeral está dotado con mil euros. Dende mañá e ata o venres está aberto o prazo de inscrición para o Desfile- Establécese un máximo de 14 comparsas e 7 grupos participantes
Dende mañá mércores, 16 de febreiro, e ata este venres, 18 de febreiro, estará aberto o prazo de inscrición para participar no Desfile de Entroido de Tui que se celebrará o martes 8 de marzo.
Hoxe martes a Concellería de Cultura vén de facer públicas as bases deste evento que se poden consultar nas webs www.concellotui.org e www.culturatui.info, así como no taboleiro de información do Concello de Tui e no Departamento de Cultura.
Establécense dúas modalidades de participación: comparsas que deben estar formadas coma mínimo por 25 persoas, e grupos que deber ter un mínimo de 12 integrantes e un máximo de 20.
A inscrición debe facerse no Departamento de Cultura no impreso normalizado para este fin ata este venres de 10 a 14h. Establécense un máximo de 14 comparsas participantes e 7 grupos, coa salvidade de que nunca unha comparsa ou grupo de Tui quedarán fóra de concurso.
No desfile-concurso serán repartidos máis de 6 mil euros en premios, unha contía á que hai que sumar a do importes fixos por participar que vai dos 50 euros para grupos foráneos sen carroza aos 500 de comparsas tudenses con carroza.
En premios establécese unha categoría Xeral na que o xurado valorará a orixinalidade, vestiario, reacción do público, acompañamento musical en vivo, parodia e carroza, os premios establecidos son de 1000€, 800€, 600€, 400€, 200€ e 100€. Amais establécense seis premios e trofeos para as carrozas valorados entre 600 e 50 euros. En acompañamento musical haberá tres premios de 300, 200 e 100€, e como novidade establécense tres premios á Fantasía de 300, 200 e 100€, nos que se valorará o vestiario e a coreografía.
O Desfile-Concurso celebrarase o martes 8 de marzo, festivo local en Tui, a partir das 17.30h nun circuíto pechado polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda. A orde de saída dos participantes establecerase mediante sorteo o 1 de marzo ás 20h no Salón de Sesións da Casa do Concello de Tui. A orde de saída, segundo o recollido nas bases, será en primeiro lugar os grupos de fantasía, despois os grupos de parodia, as comparsas de fantasía e por último os grupos de parodia.
Os grupos e comparsas participantes deben asistir na súa totalidade ao Enterro do Bacallau que se celebrará o domingo 13 de marzo ás 19.30h dende a Praza de San Fernando até o Aparcamento Municipal.

Sem comentários:

Enviar um comentário