A programación cultural de 2011 organizada pola Concellería de Cultura de Tui achégase ao final. Este venres terá lugar o último espectáculo infantil previsto, e o venres día 30 celebrarase o concerto de fin de ano.
O mago Cayetano Lledó será o responsable deste derradeiro espectáculo do ano para os cativos. Será este venres ás oito da tarde cunha montaxe de maxia teatralizada dirixida a público familiar.
É un espectáculo de maxia, comedia e humor protagonizado polo patrón dun circo no que xa non traballa ninguén polo que se ve na obriga de disfrazarse de diferentes artistas para non ter que pechar o negocio. Así parodiando a diferentes personaxes tentará levar a función adiante. O resultado é unha mestura de ilusionismo teatral con comedia, maxia musical, manipulación de cartas, malabarismo, clown, mentalismo, ou hipnose...
Cayetano Lledó cultiva dende hai anos disciplinas coma o teatro, a danza, a expresión corporal, pantomima, comedia de arte ou malabarismo de contacto. Formouse en materia escénica con mestres coma Leo Bassi, Petir Ercolano, Jango Edwards ou Elliot Jenicot. Os seus proxectos artísticos recollen todo tipo de propostas de escena con intención non só de amosar diversión, senón de satisfacer unha maior pluralidade de gustos.
As entradas para esta función están xa á venda na web www.culturatui.info ata o venres ás 13h, e o venres dende ás 18.30h no despacho de billetes ao prezo de 3€ e 2€.
Cayetano Lledó
Data: Venres, 23 de decembro, ás 20h
Lugar: Teatro Municipal
Entradas: Na web www.culturatui.info ata o venres ás 13h, e o venres dende ás 18.30h no despacho de billetes ao prezo de 3€ e 2€.
Sem comentários:
Enviar um comentário