quinta-feira, 15 de dezembro de 2011

PRESENTADAS AS OBRAS REALIZADAS POLO OBRADOIRO DE EMPREGO “AMBIENTAL TUI”



Acondicionamento da senda PRG-19, intervención en diversos lugares de caracter etnográfico e no Centro de Formación san algunha das obras realizadas
Hoxe mércores, 14 de decembro, foron presentadas polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, xunto ao concelleiro de Formación e Emprego, José Ángel Villaverde Rocha, e a responsable do Obradoiro de Emprego “Ambiental Tui”, Rosa Molinos, as intervencións realizadas polos alumnos deste Obradoiro ao longo do ano de formación.
O lugar escollido para esta presentación foi unha das máis recentes actuacións deste Obradoiro de Emprego: o muíño do Fuchaco na parroquia de Baldráns. Neste lugar os responsables municipais deron conta das obras acometidas polos 32 alumnos participantes neste Obradoiro de Emprego, nas especialidades de “Chacotería e tallado de pedra”, “Ebanistería” e “Forestal e xardinería”.
En concreto as obras realizadas son as seguintes:
  • Acondicionamento da senda PRG-19, de caracter circular e cunha extensión de 18 quilómetros e que partindo de Tui percorre ás ribeiras do río Miño ata Caldelas e dende alí continúa por Baldráns, Paramos e Guillarei
  • Obras de reparación e rehabilitación do Muíño do Rapado na parroquia de Baldráns.
  • Intervención no lavadoiro da Carballiza tamén na parroquia de Baldráns
  • Rehabilitación da Fonte do Piñeiro na parroquia de Guillarei
  • Na mesma parroquia intervención na Fonte de Rodas
  • Limpeza dos muíños do Pombal, na parroquia de Guillarei
  • Acondicionamento das áreas de esparexemento ou lecer de Caldelas, do Coello e da Veiga do Louro
  • Obras de acondicionamento na sede do Obradoiro de Emprego, no Centro de Formación de Gándara - Guillarei
Para o alcalde de Tui este Obradoiro de Emprego “Ambiental Tui” que agora está culminando o seu labor reflicte a importante aposta que polo emprego e a formación desenvolve o Concello tudense, pois grazas a este Obradoiro 32 mozos e mozas de Tui teñen accedido a unha formación laboral ao tempo que accedían a unha ocupación laboral. O Concello de Tui aporta un total de 92.627 euros, namentres que a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia achega 699.140 euros. Moisés Rodríguez congratulouse polas obras realizadas pois amais de contribuír á formación e futura inserción laboral dos integrantes do Obradoiro de Emprego teñen suposto importantes intervencións no patrimonio etnográfico de varias parroquias tudenses e, especialmente, o acondicionamento da senda de 18 quilómetros PRG-19. Este sendeiro, de carácter circular, realiza un percorrido de Tui a Caldelas, pola ribeira do río Miño –nun entorno integrado na Rede Natura 2000 da Unión Europea- continuando logo polas parroquias de Baldráns, Paramos e Guillarei rematando no sei inicio na Ponte da Veiga do Louro. No seu traxecto pódense visitar numerosos elementos patrimoniais e naturais, e está axeitadamente sinalizado. Para o rexedor tudense é xa un importante atractivo para o turismo e o lecer, evidenciando a aposta que o Concello de Tui realiza pola conservación do noso amplo conxunto patrimonial, que abrangue outros elementos máis ala do casco histórico, e por un desenvolvemento turístico sostible.
O concelleiro de Formación e Emprego, José Ángel Villaverde, explicaba que dende o Concello están xa traballando no proxecto a presentar diante da Xunta de Galicia para poder acadar no 2012 unha nova acción para a formación e o emprego de desempregados do noso concello. O importante patrimonio cultural e natural que posúe o municipio tudense xustifican amplamente a solicitude do Concello de Tui.

Sem comentários:

Enviar um comentário