O alcalde de Tui entrega estes días aos representantes da Cruz Vermelha Portuguesa e da Associaçao Humanitaria dos Bombeiros Voluntarios de Valença senllos cheques por importe de 3.500 e 5.000 euros respectivamente, como unha achega de colaboración e recoñecemento á permanente colaboración que ambas entidades valencianas manteñen co municipio de Tui e as súas xentes.
O rexedor tudense subliña a importancia que posúe para a nosa cidade estreitar os lazos que nos unen coa cidade irmá de Valença tamén en materia de carácter social e humanitario como as que realizan tanto a Cruz Vermelha Portuguesa como os Bombeiros Voluntarios. A inmediata sinatura do acordo de creación da Eurocidade Tui – Valença contribuirá, sen dúbida, a afondar nesta mutua cooperación e traballo conxunto.
A entrega destas achegas únese aos 26.100 euros que nestas datas aporta o Concello tudense como subvención a diversas entidades de carácter social, como é o caso da Asociación Avelaíña, a Asociación de Alcohólicos Rehabilitados, San Xerome Emiliani, Aceesca, Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, e Residencia San Telmo. Son máis de 26.000 euros dos orzamentos municipais que contribúen ao financiamento destas agrupacións e colectivos que desenvolven un fecundo labor de carácter social e humanitario no noso municipio. O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, agradece a todas estas institucións o seu traballo, tantas veces de xeito altruísta, e confía en manter estas achegas municipais para promover o seu funcionamento e colaborar no importante traballo de carácter social que desenvolven.
Sem comentários:
Enviar um comentário