O próximo martes, 27 de decembro, ponse en marcha novamente o Cineforum Infantil promovido polo Colexio Rural Agrupado Mestra Clara Torres co apoio do Concello de Tui e da produtora OQO.
A cita será ás seis da tarde no antigo convento de Santo Domingo onde os cativos poderán disfrutar de tres curtametraxes de animación “Os sete cabritos”, “Cid, o coleccionista de medos” e “A pota que trota”. Aproveitando as datas de Nadal volverá a haber outra proxección o martes 2 de xaneiro, tamén ás seis da tarde, no mesmo lugar. Nese caso as películas a visionar serán “Corre, corre cabaciña”, “A bruxa regañadentes” e “A princesa do Caurel”. Logo as proxeccións serán cada último martes de mes, ás seis da tarde en Santo Domingo.
O Cineforum Infantil foi presentado esta mañá na Casa do Concello pola concelleira de Educación e Cultura de Tui, Vanesa Rodríguez, a directora do CRA, Teresa Domínguez, e un representante da produtora OQO, Marcos López.
Vanesa Rodríguez explicaba que dende o seu departamento están moi satisfeitos desta iniciativa apoiada dende o Concello. Sinalaba que estas proxeccións son unha moi boa alternativa para os nenos e nenas nesta época de Nadal.
Marcos López, de OQO, explicaba que esta produtora realiza albumes ilustrados con artistas e ilustradores de todo o mundo. Unha filosofía que trasladan tamén ao cinema de animación tomando aos libros coma referente. O obxectivo, explicaba, “é ofrecer ao nenos formatos de gran calidade tanto dende o punto de vista da historia coma dende o punto de vista plástico”. As películas de animación de OQO realízanse integramente en Pontevedra en galego, sendo logo traducidas a distintos idiomas. Estanse a emitir na TVG e en televisións de Suecia e Arxentina.
Teresa Domínguez, a directora do CRA, agradeceu o apoio do Concello, de OQO e da UNED, para retomar a actividade do cineforum iniciado en 2010, así coma a OQO que “abriu un mundo marabilloso de cinema infantil en galego”.
Sem comentários:
Enviar um comentário