sexta-feira, 23 de dezembro de 2011

CLAUSURA DO OBRADOIRO DE EMPREGO “AMBIENTAL TUI” QUE FORMOU A 32 ALUMNOS AO LONGO DESTE ANO


O Salón de Plenos da Casa do Concello de Tui acolleu esta mañá o acto oficial de clausura do Obradoiro de Emprego “Ambiental Tui”. Neste acto participaron o alcalde tudense, Moisés Rodríguez Pérez, xunto ao concelleiro de formación e emprego do Concello de Tui, José Ángel Villaverde Rocha, o delegado da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra, José Manuel Cores Touris, a xefa territorial da Consellería de Traballo e Benestar, Carmen Bianchi Valcarcel, e a directora do Obradoiro de Emprego, Rosa Molinos Campos.
Este Obradoiro de Emprego “Ambiental Tui” ten proporcionado formación a 32 alumnos nas seguintes especialidades:
  • Cachotería e tallado de pedra, con 10 alumnos (7 homes e 3 mulleres)
  • Ebanistería, con 10 alumnos (6 homes e 4 mulleres)
  • Forestal e xardinería, con 12 alumnos (3 homes e 9 mulleres)
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, amosou neste acto de clausura a súa satisfacción polo traballo desenvolvido neste Obradoiro de Emprego, felicitando tanto aos alumnos como ao persoal pola súa dedicación e interese. Congratulouse o rexedor tudense polos traballos realizados por este Obradoiro, especialmente polo acondicionamento da senda peonil PRG-19 que realiza un percorrido circular polo noso municipio. Pero o importante foi que ao longo deste ano o Concello ofreceu formación e emprego a 32 desempregados tudenses, testemuñando o compromiso municipal nesta materia. Anunciou que o Concello de Tui está preparando todo o necesario para solicitar, no momento en que se abra a convocatoria, novas accións de formación nesta mesma liña de traballo.

Sem comentários:

Enviar um comentário