quarta-feira, 7 de dezembro de 2011

O CONCELLO DE TUI RATIFICA A SUA VONTADE DE CUMPRIMENTO DO PXOM


O equipo de goberno do Concello de Tui amosa a súa sorpresa diante do requirimento da Asociación “Arcebispo Lago” que reclama o cumprimento do Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado hai poucos meses, no referente á parte traseira do edificio San Paio ou Área Panorámica, destinado como zona verde e deixe de empregarse como aparcamento municipal.
Cómpre lembrar a opinión pública que o PXOM foi aprobado pola anterior Corporación Municipal e no mesmo apostase pola creación dun espazo verde para o lecer dos veciños neste enclave do centro urbano tudense.
Porén, é preciso lembrar que o desenvolvemento do planeamento urbanístico é un proceso alongado pois está en función da determinación dos correspondentes proxectos de obra e do seu necesario financiamento, o que implica un traballo que normalmente se dilata no tempo.
Amais, no caso que nos ocupa, engade o alcalde Moisés Rodríguez Pérez, existen criterios de oportunidade que aconsellan non iniciar de inmediato o desenvolvemento deste ámbito do PXOM pois a próxima construcción do novo Centro de Saúde no mesmo espazo supoñen unha dificultade engadida neste proceso que a lóxica leva a non iniciar prematuramente e así o comprenden a inmensa maioría dos tudenses.
En definitiva esta nova intervención da Asociación “Arcebispo Lago” ven crear un problema onde non existe tal, unicamente existe un desmedido afán de protagonismo deste colectivo denunciando, nunha nova oportunidade, irregularidades que só existen na súa imaxinación. Os veciños de Tui, engade o alcalde, coñecen dabondo a realidade e saben cal é a situación e o infundadas que resultan estas denuncias. O rexedor tudense lamenta que a Asociación “Arcebispo Lago” con esta denuncia, e outras anteriores, contribúa por mágoa a ofrecer unha imaxe distorsionada da nosa cidade como unha localidade onde non se respecta á lexislación cando esto é de todo punto unha falsidade.
Moisés Rodríguez sinala que o Concello está traballando con intensidade no desenvolvemento do Plan Xeral e, por exemplo, xa conta cun estudo sobre a apertura da rúa Ourense e se están estudando diversas alternativas para a posible construcción dun aparcamento soterrado neste lugar da traseira da Área Panorámica ou noutros enclaves do centro urbano tudense, por sinalar só dous aspectos do desenvolvemento do planeamento do PXOM no que o Concello ven actuando. Iniciar esta desexable conversión da traseira da Área Panorámica en zona verde sen ter resolto o problema do estacionamento de vehículos provocaría un novo problema. Nesta liña está a recente intervención nesta zona empregada como aparcamento, que onde unicamente se alisou o terreo, sen efectuar asfaltado algún como falsamente afirma a Asociación “Arcebispo Lago”.
O PXOM, sinala por último o alcalde, indica os vieiros para o desenvolvemento da cidade e o seu municipio nos vindeiros anos, incluso en toda esta década, e só dende a demagoxia pódese pretender que en dez meses se teña xa desenvolvido este instrumento urbanístico.

Sem comentários:

Enviar um comentário