Diante das noticias publicadas en diversos medios de comunicación onde a Asociación “Arcebispo Lago” de Tui solicitaba a reposición da legalidade ao abeiro dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no ano 2010 en relación a unha intervención no Paseo da Corredoira para a renovación do seu mobiliario urbano, o goberno do Concello de Tui quere facer para coñecemento da opinión pública as seguintes precisións:
- Esta actuación non é responsabilidade do actual equipo de goberno, que en todas as súas actuación vela polo cumprimento da legalidade.
- A sanción de 15.000 euros está prescrita e non cómpre o seu pagamento segundo recoñece a propia Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, por tanto non haberá quebranto neste aspecto para as arcas do Concello tudense.
- Dende o pleno respecto á sentenza do TSXG que este Concello acata, non é de recibo instar á reposición da legalidade logo de oito anos e cando estamos na actualidade en pleno proceso de aprobación do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico de Tui que comprende tamén a este Paseo da Corredoira. O Pepch definirá as directrices de intervención no mobiliario urbano do noso conxunto histórico, unha intervención agora sería contraproducente. Este Plan Especial debe contar coa aprobación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
Finalmente este goberno municipal quere expresar nunha nova oportunidade o seu rexeitamento ás constantes insinuacións da devandita Asociación “Arcebispo Lago” que sementa de continuo dúbidas sobre a legalidade da actuación deste goberno municipal. Estas acusacións son completamente falsas e teñen como único propósito o desprestixio deste goberno municipal, como é neste caso de instar esta reposición cando este equipo de goberno está plenamente comprometido coa conservación do conxunto histórico e co respecto completo á legalidade no seu ámbito. Por mágoa, indica o Alcalde de Tui, xa estamos afeitos ás falacias deste colectivo que está empeñado en desprestixiar a imaxe de Tui con falsidades como a que hoxe nos ocupa e como foron anteriormente outras pretendidas acusacións sen fundamento, baseadas unicamente en argucias e interpretacións e que non conseguen outra cousa que danar o nome da nosa cidade.
Sem comentários:
Enviar um comentário