O próximo martes, 24 de xullo, a partir das 21.30h, terá lugar no Parque do Laxal en Rebordáns a XIII Noite Internacional do Miño. Unha cita xa consolidada no verán tudense que abre un abano á cultura non so doutros países senón tamén doutros continentes. A organización corresponde á Escola de Baile e Música San Fins de Rebordáns que conta coa colaboración do Concello de Tui, ao través da Concellería de Cultura, e da Comunidade de Montes de Rebordáns.
A presentación desta edición da Noite Internacional tivo lugar esta mañá na Casa do Concello contando coa presenza do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, o edil Ángel Gutiérrez, e Roberto Rocha e Félix González da Escola de Baile e Música.
A edil de Cultura,Vanesa Rodríguez salientou que grazas ao esforzo e traballo da Escola de Baile e Música San Fins esta Noite Internacional chega xa a súa décimo terceira edición, salientando a importancia da labor que realizan, na que dicía, contan co apoio do Concello de Tui.
O alcalde, Moisés Rodríguez, afirmaba “esta non é unha actividade menor senón que é importante e está consolidada” recoñecendo que é moi complicado lograr o nivel que cada ano manteñen nesta cita cultural. Engadía o rexedor que “a crise non pode ser unha oportunidade para dicir non, e hai que seguir apostando pola cultura”. Salientaba o ambiente extraordinario que se vive en cada edición da Noite Internacional, así como a implicación de toda a parroquia, ao tempo que amosaba a súa confianza en que o próximo martes volverá ser un éxito.
Roberto Rocha, un dos responsables da organización, comezaba dando as grazas a todas as entidades, como o Concello de Tui e a Comunidade de Montes, xunto aos empresarios locais e os veciños, que fan posible que este festival sexa viable. Cada ano, segundo explicaba, buscan organizar un programa onde teñan cabida grupos de distintos continentes coa premisa de que sempre sexan grupos que anteriormente non estiveron na Noite.
Este ano sobre o escenario estarán grupos de Togo, Venezuela, Xapón, Perú e Indonesia, sendo este último o prato forte desta edición polo espectacular da súa arte, o seu folclore e o seu vestiario.
Así nesta XIII Noite Internacional do Miño poderase disfrutar do grupo Tomoe-ryu Yutakadaiko de Xapón que representa de forma extraordinaria o folclore nipón, do exotismo de Indonesia co Folk Dance Ensemble T-Ta Paramadina. Mentres dende Togo o Ballets Tchamba presentará ritmos frenéticos e coreografías espectaculares con danzas tradicionais e lendas de África. Amais dende América estarán nesta Noite Internacional a Compañía Internacional Folclórica Danzas Zazaribacoa de Venezuela e a Asociación Cultural Qhaswua do Perú.
Noite Internacional do Miño
Lugar: Parque do Laxal en Rebordáns
Data: Martes, 24 de xullo ás 21.30h
Sem comentários:
Enviar um comentário