segunda-feira, 23 de julho de 2012

O policía local de Tui Avelino Martínez recibido no Concello tras os dous ouros no Europolyb


O Concello de Tui brindou este mediodía unha recepción oficial ao policía local Avelino Martínez logo de que hai uns días se teñan proclamado campión de Europa en judo e loita sambo no Campionato de Europa de Policías e Bombeiros, Europolyb, celebrado en Tenerife.
O acto, celebrado no salón de sesións,  foi presidido polo alcalde, Moisés Rodríguez, e contou coa presenza dos concelleiros Ángel Gutiérrez, Nicolás Lorenzo, Olga Montes e Jose Ángel Villaverde, así coma do voceiro do PSOE, Enrique Cabaleiro. 
O concelleiro responsable da Policía Local, Ángel Gutiérrez, destacaba na súa intervención que este é “un día especial porque non todos os días dentro da policía local podemos ter un dobre campión de Europa no Europolyb”. Felicitaba a Avelino Martínez desexándolle que siga colleitando éxitos.
Pola súa parte o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, puxo de relevo que “o traballo e esforzo ten recompensa” como demostraron estas dúas medallas de ouro logradas por Avelino Martínez representando á policía local de Tui e levando o nome da cidade. Puntualizaba amais que “estas medallas teñen un dobre mérito pola súa situación persoal”. Engadía o rexedor que “a corporación ten que apoiar e potenciar as persoas que traballan no concello” felicitando a este municipal en nome de toda a corporación.  Concluía Moisés Rodríguez sinalando que “Tui é unha cidade con grandes campións e non debemos acostumarnos a que pasen desapercibidos”.
Por último o homenaxeado, Avelino Martínez,  agradecía o apoio do concello e das persoas que posibilitaron a súa presenza neste campionato en Tenerife. Amosou a súa ledicia e tamén a súa esperanza de poder volver a competir no Europolyb dentro de dous anos en Bruxelas. Hoxe durante a recepción recibiu un agasallo de mans do alcalde.
Ao acto desta mañá tamén asistiron membros da policía local e familiares do homenaxeado.

Sem comentários:

Enviar um comentário