A zona Anexo da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle, dende o pasado venres e durante todo o mes de xullo, as fotografías presentadas ao concurso convocado con gallo da celebración da “IX Andaina Tudense” que organizou o Club Deportivo AndaTui “Rego da pedra” en colaboración co Concello de Tui.
Nesta mostra podemos contemplar as máis de 150 fotografías presentadas a este primeiro concurso, realizadas polos participantes nesta camiñada e que foron recollendo nos seus obxectivos ao longo da xornada do pasado 19 de maio de 2012.
O primeiro premio foi para a obra “Escaleira ao ceo” de Tucho Gómez, o segundo premio para “Vadeando” de Aurelio Rodríguez e o terceiro para a fotografía “Seta de madeira e canle de pedra” de Helena Martínez. O xurado acordou conceder unha mención especial á obra “O noso río Miño” de Diego Álvarez.
Cantos se acheguen ata este espazo expositivo poderán disfrutar dunha ampla mostra de fotografías que recollen non so os avatares propios da celebración desta Andaina de máis de 26 quilómetros senón tamén instantáneas de fermosos lugares percorridos no decurso desta camiñada.
A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez Pereira, felicita aos organizadores da Andaina Tudense por esta iniciativa do concurso fotográfico que enriquece o seu programa de actividades e agora a vida cultural da nosa cidade.
Sem comentários:
Enviar um comentário