O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, asinou onte martes, 3 de xullo, na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra un convenio xunto ao secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, que estaba acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo. Trátase dun convenio sobre Proxectos Estratéxicos de Infraestruturas no Medio Rural (PEIM) que tamén asinaron outros 46 alcaldes dos concellos que se beneficiarán deste investimento. O obxectivo fundamental das obras enmarcadas nestes proxectos é dignificar e mellorar a calidade de vida da poboación que reside nestas zonas e contribuír a arranxar as deficiencias que persisten en determinadas zonas rurais de Galicia.
O PEIM Rural é un plan que inclúe proxectos financiados pola Consellería do Medio Rural e do Mar e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente co fin de levar adiante actuacións en materia de desenvolvemento rural. No convenio establécese un marco xeral de cooperación onde se definen as liñas xerais de colaboración técnica e financeira en materia de infraestruturas rurais.
En concreto ao abeiro deste convenio o Concello de Tui recibirá un total de 66.709,06 € que serán destinados, segundo informa o slcalde tudense, Moisés Rodríguez Pérez, ao asfaltado de senllas pistas nas parroquias de Randufe e Pexegueiro.
O rexedor tudense agradece á Consellería de Medio Rural e do Mar esta achega que contribuirá a mellorar as condicións destas pistas en áreas rurais do noso municipio incrementando a seguridade vial dos seus usuarios.
Sem comentários:
Enviar um comentário