Do 19 ao 23 de agosto vaise celebrar en Tui a “SEaman Náutica Coñece o teu río” organizada polo Club Náutico San Telmo, en colaboración co Concello de Tui e a empresa Arrepións.
O concelleiro de deportes de Tui, Nicolás Lorenzo, a vocal de deportes do Club Náutico San Telmo, Rosa Estévez e o xerente da empresa Arrepions, Ricardo Abundancia, presentaron esta mañá esta actividade nas instalacións do Centro Interfederado de Tui.
Rosa Estévez, do Náutico San Telmo, explicou que con esta Semana Náutica pretenden ofertar unha alternativa de actividades para mozos de 12 a 16 anos, ao través da cal coñezan a oferta de actividade de río que hai na cidade. Destacaba que para participar é preciso saber nadar.
Ricardo Abundancia, responsable da empresa Arrepións pioneira no turismo náutico de ocio xa que levan traballando dende os anos 90, sinalaba que as actividades as van realizar non so na zona de Tui senón tamén río arriba para que os participantes coñezan así distintos lugares do Miño.
Nicolás Lorenzo, concelleiro de Deportes, cualificou o programa de “ambicioso” destacando que é a primeira vez que se realiza unha actividade destas características, para unha franxa de idade – mozos de 12 a 16 anos – á que dende hai tempo quería chegar dende o seu departamento. Esta proposta insírese no obxectivo da concellería de Deportes de “abrir a cidade ao río” tal e coma se está a facer con actividades coma a Festa do Miño que se celebra este sábado.
A Semana Náutica Coñece o teu río celebrarase do 19 ao 23 de agosto dirixida a mozos de 12 a 16 anos que se poden inscribir ata o venres 16 de agosto naquelas actividades que lles interesen. A cota de participación por actividade é de 10€ e establécese un máximo de 40 persoas por actividade. A inscrición debe facer nas oficinas do Club Náutico San Telmo de martes a domingo de 10 a 14h e de martes a sábado de 16 a 20h, pódese acadar máis información no 657 875 716.
Esta Semana Náutica comezará o luns 19 cunha actividade de rafting en Cequeliños-Barcela. O martes 20 realizarase kaiak polo en Caldelas, o mércores 21 descenso de augas bravas en kaiak en Barcela-Vide. O xoves 22 haberá un triatlón en Tui no que haberá unha actividade de orientación, natación e kaiak. Por último o venres 23 está previsto un bautismo de esquí náutico tamén en Tui. Todas as actividades serán pola mañá.
Sem comentários:
Enviar um comentário