O teatro afecionado volverá ser o protagonista durante a semana de San Telmo en Tui coa celebración da VI Semana de Teatro Amador, do 21 ao 26 de abril, organizada polo Concello de Tui ao través da Concellería de Cultura. Trátase dunha aposta clara polas compañías teatrais existentes na cidade que achegan ata o Teatro Municipal de Tui as súas representación.
A presentación desta actividade tivo lugar esta mañá no Concello de Tui a cargo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, xunto a unha representación dos grupos de teatro que van participar nesta programación.
A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, explicou na presentación que “o teatro amador nos enche de orgullo” salientando coma este “é o teatro da casa” e son os propios veciños os que se converten en actores e se achegan ao Teatro Municipal para ensinar o froito de moitos meses de ensaios.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, destacou coma “o teatro ten moito arraigo nos distintos centros culturais” e esta é unha mostra da cultura activa do municipio. Fixo amais o rexedor unha invitación a asistir as representación programadas ao longo da semana de San Telmo.
Os representantes dos distintos grupos, Cristina Fernández, Carmen Álvarez, Ubaldo Estévez, Susana Blanco, Noelia Solla e Adrián Vila, explicaron os pormenores das súas representación.
Os encargados de abrir esta VI Semana de Teatro Amador serán os integrantes do grupo de teatro San Fins de Rebordáns que o luns 21 porán en escena “A Compraventa” cunha duración de 90 minutos e oito actores dando vida a unha comedia sobre o tráfico ilegal de órganos.
“Non me mintas, Mariana” é o título da obra que achegará o martes 22 o grupo Atalaia de Voluntariado do Centro Sociocomunitario de Tui. Baixo a dirección de Paula Álvarez doce actores darán vida a esta comedia na que un ladrón busca roubar as xoias da protagonista.
O mércores 23 o grupo de teatro Mesturanzas de Areas representará “O achado do Castro” de Manuel Núñez baixo a dirección de Esteban Alonso. Os dez actores da obra volve á época romana con varias historia, algunha de amor, que se entrelazan.
O xoves 24 non haberá función xa que tivo que ser cancelada por problemas de saúde dun dos integrantes do grupo de teatro de Caldeas. A actividade retomarase o venres 25 co grupo de teatro Aloia de Pazos de Reis e “A idade do pavosaurio”. Oito actores achegarannos durante 90 minutos a historia de dous compadres que vai sorprender ao público.
Por último o sábado 26 pecha esta Semana do Teatro Amador o grupo de teatro Chirlomirlo de Randufe con “Los antipáticos del segundo”. Trátase dun sainete cómico representado en dous actos que narra as peripecias duns veciños preocupados só polas apariencias. Todos os grupos, salvo Randufe, estrearán as súas obras durante esta semana no Teatro Municipal de Tui.
As representacións o luns, martes, xoves e venres será ás 21.15h e o sábado ás 20.15h. A entrada, sen numerar, ten un prezo de 1,5€ e poderá adquirirse media hora antes do comezo da función no despacho de billetes. Ao longo da semana pasarán polo teatro medio centenar de actores afecionados.
Sem comentários:
Enviar um comentário