Tui continúa a celebrar as festas na honra a San Telmo ata o próximo luns 28, festivo local, con diversidade de actividades deportivas, musicais, gastronómica, relixiosas... O programa festivo está organizado polo Comisión de Festas de San Telmo coa colaboración do Concello de Tui.
Dobre é a proposta gastronómica destes festexos. Por unha banda a rúa Compostela albergará unha feira gastronómica onde os visitantes poderán degustar racións de polbo e churrasco así coma viños do país a prezos populares. A feira permanecerá aberta a partir do sábado ás 19:30h, e o domingo e luns desde as 11h. Os amantes do meixón poderán volver a gozar nestas festas deste manxar coa Festa do Meixón no Parador de Tui o domingo a partir das 11:30h e ata as 15h a 32 euros a ración, 29 en venda anticipada. Haberá tamén carne ao caldeiro e polbo.
A música correrá a cargo da charanga tudense Cantos Somos con pasarrúas o sábado ás 10:30h e 18h polas principais rúas da cidade. Tamén ofrecerá un pasarrúas a Banda de Música Popular de Tui o domingo ás 13h, e un concerto ese mesmo día ás 19h no Paseo da Corredoira. Xa o luns 28, ás 12h, actuarán no Paseo da Corredoira de Tui o grupo de gaitas “Santiago” de Malvas.
A música non faltará tampouco polas noites da man das orquestras Pontevedra e Salsa Rosa o sábado ás 22:30h, Gran Parada e Marbella o domingo e Panorama o luns a partir das 23:45h da noite, logo da tirada de fogos de lucería que concluirá esta edición das Festas de San Telmo 2014.
O deporte tamén estará presente coa tradicional Carreira Popular de San Telmo o domingo 27 ás 10:30h con saída do Paseo da Corredoira, e coa Andaina Saudable da Eurocidade polo Alto do Coello que sairá ás 10h desde a Praza de Abastos da cidade. Previamente o sábado ás 10:30h dará comezo o III Torneo de Xadrez no Pavillón do IES San Paio , ás 17h a terceira edición de Tenis na rúa no Paseo da Corredoira con 5 pistas de xogo e xa ás 19h no novo pavillón de Tui terá lugar o Partido Solidario de Fútbol Sala coa aportación dun alimento non perecedoiro coma entrada.
Outras actividades serán a representación da obra de teatro afecionado "Las Antipáticas del segundo" a cargo do grupo Chirlomirlo de Randufe o sábado ás 20:15h no Teatro Municipal. O domingo haberá Desfile Exaltación do Traxe Tradicional. Irá acompañado dos xigantes e cabezudos – que tamén sairán o luns á rúa - restaurados hai un par de años polo Concello de Tui que este ano aproveitou para cambiar a estrutura interna dos mesmos por unha máis lixeira, de xeito que se reduce o peso de cada xigante en 20 quilos, e para aplicar a estas figuras unha imprimación que evite que se danen en caso de choiva.
Sem comentários:
Enviar um comentário