A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, concedeu o premio “Institucións Culturais” 2014 ao Programa anual de teatro do Concello de Tui recoñecendo o especial destaque ás artes escénicas. O galardón é compartido coa Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo polo programa de teatro Buxiganga e coa Área de Cultura da Deputación Provincial da Coruña polo Premio de Teatro Rafael Dieste, así coma co programa anual de teatro do Concello de Narón.
Con este premio a AELG destaca ás entidades que “contribúen á divulgación da lingua e da cultura galegas, e neste caso polo seu apoio ao teatro galego, que por extensión significa o apoio á normalización da cultural galega e do noso idioma”.
A entrega do premio realizarase o sábado 3 de maio, no Teatro Principal de Pontevedra, no transcurso da Gala das Letras.
O Teatro Municipal de Tui cumpre este venres, 11 de abril, once anos dende a súa apertura. Neste tempo este espazo tense convertido nun referente tanto para o público, que acode fielmente aos espectáculos programados, coma para a crítica e as compañías teatrais. A programación realizada con carácter semestral é recollida na Axenda Cultural “Corredoira” así coma na web www.culturatui.info. Precisamente neste portal web o público pode mercar de xeito anticipado as entradas para os espectáculos previstos, vendéndose na actualidade o 40% das localidades por esta vía.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, agradece á A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, a concesión deste premio, indicando que supón un recoñecemento ao traballo levado a cabo ao longo dos últimos once anos apostando por unha programación continuada, estable e de calidade. Nese senso quere agradecer o traballo realizado polo equipo do Teatro Municipal, que co seu esforzo e ilusión son unha peza fundamental no éxito deste espazo escénico. Igualmente quere salientar o labor realizado dende a concellería de Cultura, dirixida por Vanesa Rodríguez, mantendo, pese aos tempos difíciles que vivimos, a súa aposta decidida pola cultura.
Sem comentários:
Enviar um comentário