Club Kaiak Tudense, Club Remo Tui, Gustavo Rodríguez e Aida Valiño acadan bos resultados en diferentes probas
A pasada fin de semana os clubs tudenses tiveron competicións a nivel nacional e autonómico, nos que tiveron destacadas actuacións.
Pola súa parte, os integrantes do Club Remo Tui disputaron no encoro de Banyoles o “Trial de primavera”, regata de acceso ao equipo nacional, no que participaron varios remeiros e remeiras tudenses. Así, Nuria Domínguez, en skiff absoluto feminino, acadou a primeira posición, demostrando o alto nivel no que se atopa. Esmeralda Santos, na mesma categoría entrou en cuarta posición.
En canto aos remeiros, Jesús González e Sergio Pérez participaron na final de dous sen temoeiro, acadando o sexto posto, competindo contra remeiros de peso absoluto, sendo a súa a categoría lixeiro. Alfonso Riveiro e Diego das Dores, tamén en dous sen temoeiro, remataron na posición 16 da xeral.
O Club Kaiak Tudense disputou esta fin de semana o Campionato Galego de embarcacións dobres K2 e C2, no que acadou a primeira posición na clasificación final, por diante da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra e do Club As Torres Romería Vikinga, na proba disputada no encoro de Verducido.
Diego Piña e Víctor Rodríguez foron os gañadores do K2 masculino, nunha dura loita contra os seus compañeiros Roberto Rodríguez e Roi Rodríguez, e Rubén Millán e Diego Domínguez. Na modalidade C2, Ramón Ferro e José Luís Bouza remataron en segunda posición, e Daniel Costa e Manuel Garrido, na cuarta praza.
En canto as padeeiras, Ana Varela e Carla Pérez, foron as que se levaron a victoria na categoría feminina de K2, sendo terceiras Andrea F. Porteiro e Valeria Romero.
E por último, Gustavo Rodríguez e Aida Valiño disputaron o Campionato Galego de Duatlón disputado en Santiago, no que Gustavo Rodríguez acadou a medalla de prata. Nesta proba rematou en primeira posición Aida Valiño na categoría feminina. Ámbolos dous participarán en próximas datas no campionato de España de duatlón, que se disputará na localidade asturiana de Avilés.
O Concello de Tui felicita a estes clubs tudenses e deportistas polos éxitos acadados nestas competicións, así como os desexa moita sorte nos próximos campionatos.
Sem comentários:
Enviar um comentário