Éxito tamén para o Kaiak Tudense e os triatletas Gustavo Rodríguez e Aida Valiño
O padeeiro do Club Piragüismo Penedo de Caldelas de Tui, Luís Fernández, acadou a pasada fin de semana a medalla de bronce no Campionato do Mundo de Slalom disputado en Australia, na modalidade de patrullas. Luís Fernández, que participou tamén na categoría individual xuvenil C1, rematando na oitava posición, contribuíu de forma decisiva na consecución da terceira posición do equipo nacional español, acadando a medalla de bronce neste Campionato do Mundo. O padeeiro do Club Piragüismo Penedo, nomeado mellor deportista promesa na pasada edición da Gala do Deporte Tudense, permanecerá concentrado coa selección nacional na Seu de Urgell, preparando as próximas competicións.
Tamén no mundo do piragüismo, o Club Kaiak Tudense proclamouse Campión da Copa de España de 1.000 metros, disputada a pasada fin de semana no encoro de Verducido (Pontevedra), ao acadar os seus padeeiros as primeiras posicións nas distintas modalidades. Os tudenses volveron a demostrar o gran estado de forma, rematando por diante do Náutico de Sevilla e do Club Piragüismo Aranjuez.
En canto ao triatlón, os deportistas tudenses Gustavo Rodríguez e Aida Valiña acadaron a primeira posición no prestixioso ICAN de Málaga, proba na que os deportistas tiveron que nadar 1,9 quilómetros, percorrer 90 quilómetros en bicicleta e correr 21,095 quilómetros.
O Concello de Tui felicita a Luís Fernández pola consecución da medalla de bronce no Campionato do Mundo de Slalom de piragüismo, así como ao Club Kayak Tudense, a Gustavo Rodríguez e Aida Valiño polos éxitos acadados nesta fin de semana.
Tamén anima a todos os tudenses a acudir ao pavillón deportivo municipal de Tui o próximo sábado ás 20.00 horas, para animar ao equipo sénior do Club Balonmán Tui na fase de promoción á 1ª Autonómica, así como desexa moita sorte ao equipo cadete masculino que tamén disputará a fase de promoción de ascenso a División de Honra.
Sem comentários:
Enviar um comentário