En Tui a oficina está situada na rúa Coruña
O Consorcio de Augas do Louro, formado pola Xunta de Galicia e os concellos de Tui, Mos, O Porriño e Salceda de Caselas vai aplicar bonificación ás familias numerosas e persoas en situación de exclusión social nos seus primeiros recibos que emitirán nunhas semanas.
Nestes momentos o Consorcio está rematando a elaboración dun padrón único para os catro concellos cos abonados aos servizos de abastecemento, sumidoiros e depuración de augas residuais. Os primeiros recibos que se emitirán corresponderán aos meses de xaneiro e febreiro de 2014. Entre as novidades deste recibo está que se nun único recibo se incluirán tanto as taxas de abastecemento como as de sumidoiros e depuración, así como o Canon da Auga autonómico.
De agora en diante a liquidación das taxas realizarase, como normal xeral, a partir do consumo real medido no contador, sen consumos mínimos, e en función do número de persoas que fagan uso desa auga. No caso de que nunha vivenda non haxa instalado ningún aparello contador e supoñendo que nela convivan tres persoas, o consumo estimado que se reflectirá no recibo será de 14 metros cúbicos por cada mes. Porén se na mesma vivenda conviven mais de tres persoas, poderase acreditar nas oficinas do Consorcio de tal xeito que as tarifas que se apliquen teñan en conta este feito e resulten inferiores.
Por outra parte os abonados que non dispoñan contador, terán ata o 30 de xuño de 2014 para solicitar, en calquera das oficinas do Consorcio – a de Tui está situada na rúa Coruña, a súa instalación. Logo da instalación do contador o Consorcio farase cargo da súa lectura periódica, mantemento, conservación ou substitución, se fose necesario, sen que isto último supoña ningún gasto adicional para o abonado. Por contra, os abonados domésticos que non teñan solicitado a súa instalación antes do 30 de xuño, serán penalizados por este feito.
As ordenanzas fiscais do Consorcio contemplan deducións do 50% para familias numerosas, así como exencións para aqueles abonados que acrediten atoparse en risco de exclusión social. Estas dúas situacións pódense acreditar tamén presentando a correspondente solicitude nas oficinas do Consorcio.
O Consorcio pretende, deste xeito, incentivar o uso responsable da auga, facendo que se vexan beneficiados tanto os abonados que teñan consumos de auga razoables como aquelas vivendas nas que conviva un número elevado de persoas.
En Tui a Oficina do Consorcio do Louro está situada na rúa Coruña 10. O teléfono de información ás 24 horas do día é o 900 810 103.
Sem comentários:
Enviar um comentário