As festas patronais de Tui na honra a San Pedro González Telmo van comezar oficialmente este sábado, 19 de abril, coa lectura do pregón dos festexos a cargo da mestra Clara Torres. O acto solemne de lectura do pregón e coroación das raíñas das festas e das súas damas terá lugar ás 19h no Teatro Municipal de Tui con entrada libre ata completar o aforamento. O acto contará coa actuación da Banda de Gaitas Lembranzas de Terra de Guillarei
Clara Eugenia Torres Martínez, natural de Areas, é licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade Nacional a Distancia e Especialista en Educación Infantil e en Lingua Galega, exerceu como mestra en Tui entre os anos 1980 e 2003. Clara Torres foi promotora de seminarios permanentes de Educación e fundadora da Asociación de Innovación Educativa “Ponte Internacional de Tui” O Colexio Rural Agrupado de Tui leva o seu nome en recoñecemento ao seu labor. Na actualidade colabora semanalmente coa Radio Municipal de Tui, na súas palabras “o seu maior orgullo na actualidade…”.
As Festas na honra a San Telmo, declaradas de Interese Turístico Galego, vanse celebrar en Tui ata o luns 28 de abril. Nas mesmas terá lugar un amplo programa de actividades tanto culturais, deportivas, relixiosas coma de lecer.
Sem comentários:
Enviar um comentário