O Diario Oficial de Galicia publica no día de hoxe o anuncio de licitación, por trámite ordinario, da obra de construción do centro de saúde de Tui por un importe de 4.838.465,04€.
Segundo se recolle no anuncio da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde a obra está cofinanciada nun 80% polo programa operativo Feder Galicia 2007-2013. O prazo de execución das obras será de 17 meses. As empresas interesadas terán ata o 29 deste mes de abril para presentar a súa oferta no Rexistro Xeral da Consellería de Sanidade en Santiago.
Previamente a súa licitación hoxe no DOG o informe de licitación foi levado xa o pasado xoves ao Consello da Xunta.
O novo centro de saúde construirase na rúa Casal Aboy, na traseira da Área Panorámica, cunha superficie de 3.500 metros cadrados nos que se distribuirán 22 consultas de medicina xeral, 4 de pediatría, unha área destinada a matrona e educación maternal, outra de odontoloxía, unha de fisioterapia e diversas salas polivalentes. Tamén estará dotado cun punto de atención continuada (PAC) con unha zona de consultas e de observación. O novo centro dará servizo a unha poboación de máis de 18 mil persoas.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, valora positivamente a licitación do novo Centro de Saúde de Tui, que vén publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia. A súa construción, explica, suporá unha mellora cualitativa na atención sanitaria no municipio tudense.
Sem comentários:
Enviar um comentário