Por quinto ano consecutivo o Concello de Tui organiza, xunto ás bibliotecas dos centros educativos do municipio e a Biblioteca Pública Municipal, o Día do libro cunha nova edición de “Tui le: os libros na Praza de San Fernando”. Nesta ocasión esta celebración faise coincidir co Día do Libro Infantil e Xuvenil, que se celebra mañá 2 de abril, xa que o 23 de abril, cando adoitaba celebrarse, é período non lectivo. Amais debido as adversas predición meteorolóxicas, que prevén choiva ao longo da xornada, a actividade vaise celebrar no Claustro da Catedral de Santa María. Búscase con esta iniciativa promover o acceso á lectura dun xeito gratuíto a través do intercambio de libros usados entre os rapaces e o depósito de libros das bibliotecas destinados a esta actividade.
Máis de 1000 nenos e nenas concentraranse no claustro da Catedral para celebrar xuntos esta xornada con diferentes actuacións levadas a cabo polos alumnos dos colexios entre as que haberá recitais de poesía, cantigas, percusión e danza, todas elas baseadas en obras de literatura popular e infantil.
O público en xeral poderá participar neste encontro de homenaxe á lectura aportando como mínimo un libro propio para poder así intercambialos cos alí expostos.
A actividade está previsto que comece ás 10 da mañá coa primeira actuación da man dos alumnos do CEIP nº2 con poesías e cantigas en honor ao Bispo Salvado. De seguido virán as actuacións do CEIP Pazos, IES San Paio, CEIP Randufe, CEIP Guillarei, CRA Clara Torres , IES Indalecio, Masristas, CEIP Rebordáns, Seminario Menor eo por último, CEIP nº1, quen será o encargado de pechar esta serie de actividades ás 12h cun recital de poesía de Rosalía de Castro e composicións musicais con letra propia.
Ademais, cada centro educativo participante aportará unha letra co fin de formar, entre todos, un lema xigante que faga alusión ao día dedicado a cultura escrita.
Sem comentários:
Enviar um comentário