O Grupo Filatélico e Numismático de Tui organiza un ano máis a exposición EXFITUI 2014, Exposición de Filatélica e de Coleccionismo, na Sala de Exposicións Municipal da Área Panorámica de Tui coa colaboración do Concello de Tui.
Na exposición, que estará aberta ao público ata o vindeiro martes, 29 de abril, os visitantes poderán ver 25 coleccións filatélicas, o que supón uns 9000 selos entre os que salientan os de Rosendo Salvado. Tamén se recollen distintas colección de códices e libros antigos do Pai Salvado, imaxes de San Telmo e San Francisco Javier, maquetas da Catedral de Santa María e das parroquias tudenses, óleos e cadros modernos, pezas de cerámica, antigüidades dos séculos XVIII e XIX e postais de Valença e Tui con máis de 100 anos.
Cómpre mencionar a colección de pezas de cerámica do tudense Vicente López Pérez,escultor e pintor que traballa na actualidade nun taller en París para Disney. Afincado xa no país galo creou dous dos catro evanxelistas das torres da igrexa de Saint Solpice e colaborou á súa vez na restauración da heráldica da cornixa do Palacio de Versalles sen esquecer o seu traballo de restauración na igrexa de San Pablo de Valladolid.
Os que ata alí se acheguen poderán adquirir á súa vez sobres con mataselos especiais de San Telmo e o Pai Salvado así coma o libro conmemorativo da exposición.
O grupo filatélico de Tui ven organizando exposicións coleccionistas desde hai máis de 50 anos, sendo o comisario desta edición de EXFITUI 2014 José Martínez Clotet.
A entrada á sala é gratuíta e permanece aberta en horario de 11h a 13:30h e de 17h a 21h.
Sem comentários:
Enviar um comentário