Supuxo un investimento de máis de 300 mil euros, e rehabilitou a antiga Escola de Chans coma Viveiro de Empresas
Esta mañá tivo lugar a clausura do obradoiro de emprego “Tui Emprende 2013” no que 22 alumnos do Concello de Tui se formaron e participaron, durante os últimos 6 meses, na rehabilitación da escola de Chans de Randufe, futuro Viveiro de Empresas .
Cun orzamento de 305.000 euros, dos que 109.000€ foron aportados polo Concello de Tui e o restante pola Consellería de Traballo da Xunta, púxose en marcha este obradoiro o pasado mes de outubro coa finalidade de formar a desempregados e aumentar así as súas posibilidades de integración no mercado laboral.
Ao acto de clausura acudiron o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez,o concelleiro de Formación e Emprego, Jose Ángel Villaverde, os edís Nicolás Lorenzo, Olga Montes e Vanesa Rodríguez, así coma Carlos Vázquez Padín de C21, Telmo González de ALT e Enrique Cabaleiro, do PSOE, así coma persoal do obradoiro e o alumnado.
O concelleiro de Formación e Emprego, José Ángel Vilalverde, quixo agradecer o traballo, tanto do equipo coma do alumnado, nun inverno especialmente duro pola condicións meteorolóxicas e que, porén, non afectou a tenacidade de todos os integrantes do obradoiro que remataron, con éxito, a rehabilitación da Escola de Chans de Randufe na data prevista.
A directora do proxecto, Rosa Muiños, salientou a importancia de seguir investindo neste tipo de obradoiros xa que repercute tanto na formación da poboación, coma na mellora das condicións de vida e futuras oportunidades do alumnado, á vez que permite á cidade recuperar patrimonio de gran valor, que neste caso concreto, permitirá a futuros emprendedores comezar as súas iniciativas económicas neste novo Viveiro de Empresas.
Fixo fincapé no dobre valor que este curso ten para os participantes xa que ademais de aportarlle formación e experiencia profesional , apórtalles algo tan importante coma é a autoestima, característica esencial e condicionante dunha persoa á hora de afrontarse ao mercado laboral e aos ámbitos da vida en xeral.
A media de idade dos alumnos situouse nos 28 anos e todos eles levaban arredor dun ano desempregados. Divididos en dous módulos fundamentais de albanelería/carpintería e montador e instalador de mobles de carpintería, os eixos fundamentais de actuación foron a colocación de tabiqueiras, preinstalación de electricidade e fontanería, formación de solados, teitos e baños, colocación de carpintería nas portas de paso e dotación de mobles, finalizando así as obras xa iniciadas no anterior obradoiro Tui emprende 2012.
Pola súa banda, o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, expresou a satisfacción da realización deste tipo de proxectos xa que non forman so profesionais, senón tamén persoas, polo que anunciou, que presentaron xa ante a Xunta o proxecto dun novo obradoiros de emprego, agardando que sexa concedido proximamente.
Sem comentários:
Enviar um comentário