Tenis, xadrez, fútbol sala, andaina e atletismo centran a oferta deportiva na fin de semana en Tui co gallo das Festas de San Telmo. Esta programación foi presentada esta mañá na Casa do Concello de Tui polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, o presidente da Comisión das Festas, Francisco Javier Rodríguez, o presidente do Club Atletismo Tui-Thermalia, Rafael Pérez, un representante do Club Tenis Tui, Luís Saracho, o presidente do Club Xadrez Tui, Luís Fernández, a responsable de VerdeAzul, Mercedes Martín, o responsable do equipo de fútbol sala A Carballeira FS, Javier Reboresa, dous representantes de SOS Baixo Miño, José Gómez e Pilar Álvarez.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, salientou na súa intervención coma “Tui é unha cidade con hábitos saudables” que dicía hai que manter. Eloxiou o traballo de coordinación realizado para artellar, na fin de semana grande das festas, as actividades previstas. Amais en relación á recollida de alimentos non perecedoiros para SOS Baixo Miño, prevista para esta fin de semana e que se suma as realizadas xa con anterioridade, afirmou Moisés Rodríguez que “o deporte está dando un exemplo de solidariedade”.
Nicolás Lorenzo, concelleiro de Deportes, amosou a súa satisfacción polo feito de que “o deporte colla presenza nas festas de San Telmo” agradecendo á comisión de festas a súa colaboración e aposta polas actividades deportivas. Ao tempo Nicolás Lorenzo puxo de relevo o “carácter solidario” que terán boa parte das probas previstas. Tamén apuntou que dada a acollida que están a ter as distintas probas celebradas ata o momento confían en superar os 5 mil participantes nas actividades deportivas organizadas neste 2014.
A primeira cita será o sábado dende ás 10.30h no pavillón do IES San Paio co III Torneo de Xadrez San Telmo organizado polo Club Xadrez Tui. Preto de sesenta persoas de todas as idades van participar nesta competición nas categorías de sub 10, sub 12, sub 16 e absoluta, con tres roldas pola mañá e catro pola tarde. A entrega de premios está prevista para ás 20h. Luís Fernández, presidente do Club Xadrez Tui avanzou que o próximo ano agardan que este torneo pase a formar parte do Circuíto Infantil de Xadrez da Federación Galega.
Tamén o sábado, pero neste caso no Paseo da Corredoira, terá lugar a cuarta edición de Tenis na rúa San Telmo. Unha actividade que buscar dar maior visibilidade ao Club Tenis Tui segundo explicaba Luís Saracho, para darse así a coñecer e amosar o traballo que realizan. Dende ás 17h nas cinco pistas que haberá na Corredoira competirán nenos de ata 14 anos.
A seguinte actividade será ás 19h no novo pavillón deportivo de Tui cos partidos solidarios de fútbol Sala nos que a entrada será un alimento non perecedoiro que serán logo doados a SOS Baixo Miño. O equipo infantil da Carballeira Fútbol Sala xogará o seu primeiro partido ás 19h e ás 20h será a quenda do equipo xuvenil que buscará o ascenso de categoría segundo indicaba Javier Reboresa.
O domingo ás 10h saíra dende a praza de abastos de Tui a Andaina Saudable da Eurocidade polo Alto do Coello. Será un percorrido accesible polas parroquias de Pazos de Reis e Randufe cun tempo estimado de dúas horas e media. Mercedes Martín salientaba “a calidade paisaxística que se poderá gozar no Alto do Coello” así coma a gran aceptación que están a ter esta andainas.
Por último o domingo pola mañá o Paseo da Corredoira será o escenario da Carreira Popular de San Telmo organizada polo Club Atletismo Tui Thermalia cuxa inscrición remata ás doce desta noite na web www.atletismotui.es. A primeira carreira será para xuvenil, senior e veteranos, cunha distancia de 7 quilómetros en circuíto urbano que sairá ás 10.30h. Cadetes e infantís correrán a partir das 12h dous quilómetros, e por último alevíns, benxamís, prebenxamíns e pitufos, sairán cada quince minutos con distancias de entre 900 e 200 metros no propio Paseo da Corredoira. Rafael Pérez, presidente do club animaba a participar nesta carreira.
Por último José Gómez e Pilar Álvarez no nome de SOS Tomiño-Baixo Miño agradeceron a colaboración dos clubs deportivos e do Concello de Tui, e explicaron que na actualidade 50 persoas traballan en Tui e Tomiño de xeito voluntario nesta asociación asistencia. No próximo reparto de alimentos axudarán a 82 familias cun total de 327 persoas das que 150 son menores de 15 anos.
Sem comentários:
Enviar um comentário