A Eurocidade Tui-Valença segue a centrar a atención mediática tanto en Portugal coma en España. Hai uns días o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez e o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, foron entrevistados pola canle televisiva portuguesa RTP, que se achegou ata o municipio valenciano para realizar unha reportaxe sobre a Eurocidade e as súas características.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, xunto ao seu homólogo de Valença, foi entrevistado pola RTP explicando para esta canle lusa os pormenores da unión entre os dous municipios, explicando os pasos que se están dando. Tamén aproveitou para falar da cidade tudense e dos seus atractivos dándoos así a coñecer ao país veciño.
O Camiño Portugués a Santiago estivo tamén presente na reportaxe da RTP centrando a atención en Valença como porta da saída desde Camiño en Portugal, e en Tui coma porta de entrada do mesmo a Galicia tendo como nexo a vella Ponte Internacional, símbolo de unión dos dous países desde hai máis dun século .
A evolución e unión de esforzos da Eurocidade é seguida habitualmente polos medios de comunicación que, este ano quixeron estar presentes na Cabalgata Internacional de Reis que partiu de Valença e terminou en Tui, ou no programa especial que a Antena 1 fixo hai uns días dende Valença co gallo das próximas Eleccións Europeas.
O interese mediático da Eurocidade pon en relevo a importancia desta unión, exemplo de cooperación entre dous países con culturas e linguas diferentes, pero que saben aproveitar os recursos e as vantaxes da súa situación xeográfica, especialmente nestes tempos que corren nos que o apoio e aproveitamento de recursos conxunto favorece a ambas localidades.
Sem comentários:
Enviar um comentário