O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, asistiu onte no Museo do Pobo Galego, en Santiago, á entrega á familia Alonso de Tui do premio ao comercio de alimentación máis antigo de Galicia outorgado pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.
O Estanco Alonso, na rúa Ordoñez de Tui, abriu as súas portas ao público no ano 1890 coma tenda de especieiros e alimentación e dende entón ofreceu os seus servizos ao longo de cinco xeracións .Na actualidade está rexentado polos curmáns Lucía Campos Alonso e Ricardo Alonso Pereria, que recolleron o premio onte acompañados dos sues familiares Mª de los Ángeles Alonso González, Esteban Alonso García e Juan Ramón Solleiro Alonso no Museo do Pobo Galego.
A distinción forma parte da iniciativa posta en marcha pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia “A semana do teu comercio” para recoñecer o traballo dos comercios máis antigos de Galicia coma “historia viva das vilas e cidades galegas” segundo o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde. Este encontro busca, en palabras do conselleiro, por en valor o traballo de familias que chegan á cuarta, quinta ou incluso novena xeración de comerciantes que se involucran a diario co servizo aos seus clientes.
O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, felicitou á familia Alonso por este premio e por conservar a esencia inicial coa que abriu o comercio hai máis dun século. Destacou o rexedor tudense a importancia do comercio local, como o Estanco Alonso, no tecido económico tudense. Gabou o feito de manter a tradición pero tamén de saber adaptarse aos novos tempos.
Sem comentários:
Enviar um comentário